O centro científico será inagurado o día 11 cunha conferencia do naturalista e escritor Benigno Varillas
01 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A Universidade de Santiago (USC) programa os actos para inaugurar o próximo día 11 a estación científica do Courel mentres se levan a cabo a posta en servizo das instalacións eléctricas e outros traballos de acondicionamento. A ceremonia inaugural comezará ás 13 horas -non ás once, como se anunciara anteriormente- e comprenderá unha conferencia de Benigno Varillas, naturalista, escritor e xornalista asturiano, quen falará sobre a conservación da natureza e o futuro do mundo rural.
Varillas, que xa participou nun dos cursos de verán impartidos pola USC no Courel, foi fundador da revista Quercus -a máis antiga publicación española de información ambiental- e publicou recentemente a primeira biografía autorizada de Félix Rodríguez de la Fuente. Así mesmo, preside a Plataforma Rural-Naturaleza, unha entidade impulsada pola fundación que leva o nome deste célebre naturalista e documentalista, cuxo obxectivo é apoiar iniciativas que combinen a conservación do medio ambiente e o desenvolvemento socioeconómico do mundo rural.
Por outro lado, a estación comezará a servir en xullo para realizar traballos de investigación científica na serra courelá. Os primeiros grupos que utilizarán o centro traballan en proxectos relacionados co estudo da flora e da xeografía da zona.
Os laboratorios da estación non estarán equipados ata setembro, pero estas instalacións non son estritamente necesarias para algúns dos primeiros traballos de investigación que se pretende levar a cabo no centro. «Nalgúns casos, o único que necesitan os investigadores é que estean dispoñibles a zona de residencia e a sala de ordenadores, de maneira que antes de que estean rematados os laboratorios xa será posible ir facendo algúns traballos», apuntou a este respecto o director da estación, Javier Guitián.