«Imos saldar unha débeda científica con Carpentier»

Concha Pino SANTIAGO

CIENCIA

El cronómetro | Yolanda Novo A USC organiza o seminario que nesta semana analiza o pensamento e os vínculos do escritor e intelectual cubano con Galicia e a cultura hispana

02 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

A Facultade de Filoloxía reúne esta semana a catorce especialistas no seminario organizado pola Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier, que aborda os vínculos do gran escritor cubano coa cultura española. A profesora de Hispánicas e secretaria executiva da devandita cátedra, Yolanda Novo, asegura que é a actividade máis importante organizada pola entidade dende a súa creación, hai dez anos, por iniciativa do daquela rector compostelá, Ramón Villares. -Queriamos buscar os seus vencellos con Galicia -escribiu o libro de relatos Camino de Santiago - e coa cultura peninsular. A españolidade do pensamento de Carpentier é unha área da súa obra pouco estudiada, malia ser moi evidente. -¿Agarda que haxa aportacións novidosas? -Pensamos saldar a débeda científica neste ámbito, e non só na súa faceta como escritor, senón tamén nas que desenvolveu como crítico e promotor da arte española, como musicólogo e mesmo no eido do cine. As ponencias son inéditas e a partires delas pódense alumear novas. -Esta reunión abre os actos do centenario do seu nacemento por desexo da súa viúva. ¿Por que? -Porque Lilia Esteban de Carpentier está encantada coa existencia desta cátedra, a única do mundo que leva o nome do seu home. É moi activa aos seus 93 anos e dirixe a Fundación Alejo Carpentier da Habana. -¿Carpentier coñeceu Compostela? -Veu unha vez en visita privada. Viaxaba a miúdo a España, sobre todo nos 60, donde un dos seus mellores amigos foi Antonio Saura.