«Só un tercio dos católicos vai á misa»

La Voz

CIENCIA

PACO RODRÍGUEZ

Juan José Cebrián Franco, director da Oficina de Socioloxía e Estatística do Arcebispado de Santiago Autor de máis dunha ducia de libros, crego, graduado en Ciencias Sociais e con case 40 anos de experiencia docente, Juan José Cebrián Franco segue proxectando o seu saber e o seu dinamismo, e xa van 23 anos, desde a Oficina de Socioloxía e Estatística do Arcebispado de Santiago. O camiño ó seu despacho, no segundo andar do Pazo de Gelmírez, permite a visión exterior, única, dun muro románico da catedral. Unha boa fonte de inspiración para falar do Apóstolo realmente xacente, do idioma galego e a Igrexa ou mesmo da JOC (Juventud Obrera Católica) que él creou en Santiago. Tamén dalgúns retos do futuro e das novas tecnoloxías incorporadas á primeira das dióceses galegas. Á Igrexa e a Galicia quédalles por aí un camiño que andar.

02 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

XOSÉ MARÍA PALMEIRO SANTIAGO Cumprirá en xuño 68 anos este crego nacido en Compostela, o maior de oito irmáns, que tivo clara desde moi neno a súa vocación. Ordenado polo cardenal Quiroga Palacios en 1956, Juan José Cebrián non parou. Graduouse en Ciencias Sociais en Roma e iniciou unha longa dedicación docente. Ademais, escribiu guías de Galicia, do Arcebispado e de Santiago, tamén sobre as miserias e as sombras do mundo da prostitución -e sufriu por elo máis dunha incomodidade e algunha represalia mesquiña- e analizou as expectativas da xuventude na década dos 80. -Atreveuse a novelar a vida de Santiago. ¿Tan seguro estaba desa biografía? -Non teño dúbidas sobre a presencia do Apóstolo nestas terras antes e despois da súa morte. Tamén é coñecido o culto a Santiago moito antes do século IX. O núcleo duro das lendas e as narracións tampouco non ofrece dúbidas. -¿Cales son agora as magnitudes da diócese? -8.500 kilómetros cadrados de extensión e 1.300.000 habitantes espallados en 1.071 parroquias ou asimiladas (29 son matrices ou autónomas), atendidas por 582 cregos en activo e máis ben maiores. En 1970 estes cregos eran 1.200. -¿Como se artella a atención pastoral nun marco con ese desfase? -A ecuación parroquias-número de cregos pode resultar enganosa. Moitas parroquias rurais contan con moi pouca xente e nalgunhas hai marxes de ata o 50 por cento entre poboación de dereito e de feito. Só un 44 por cento da poboación está empadroada en parroquias rurais. Hoxe non sería soportable un número de cregos como o de 1970. -¿Que dicir das prácticas relixiosas? -Hai unha bolsa grande, ata un 60 por cento de católicos de nome, que apenas practican. Logo hai un 30 por cento que asiste ás celebracións litúrxicas e está unha minoría moi activa e comprometida coa Igrexa. Penso que o futuro inmediato pasa por crear comunidades parroquiais ben formadas. -¿Aparece aí a influencia da dimensión urbana? -Si. Hai que aplicar parámetros de pastoral urbana en moitos sitios e ter en conta o papel dos medios de información para difundir o Evanxeo. -¿Como pode definirse a actual situación da Igrexa? -Creo que retrocedeu nos últimos 20 ou 30 anos. Perdeu presencia nos medios de información e, fóra da COPE, quedou sen medios de seu. -¿Que resposta ten a páxina web desta diócese? -En pouco máis de ano e medio a nosa páxina www.archicompostela.org, contabiliza 67.300 internautas. É a máis visitada de España despois da diócese de Madrid.