Apasada fin de semana, na despedida que os veciños de San Cremenzo lle tributaron ao que foi o seu cura durante 50 anos, Fidel Fernández Bello, este comentou algunhas cousas que, unha vez máis, permiten entender por que deixou a pegada que deixou. En San Cremenzo, onde vivía, pero tamén nas outras parroquias que levaba: O Allo, Anos e Cundíns.
Quédome cunhas das recomendacións que puso sobre as moitas mesas da xente que o acompañou: acudir ao Concello de Zas e mirar a ver se aínda están por alí aínda os planos da parcelaria da parroquia, que se acelerou (levaba un tempo durmida) xusto cando el chegou, no 67. Pouco despois, un ou dos anos, xa estaba aprobada.
Fidel apela así á memoria de todos. Xa teño falado algunha vez do cambio que supuxo para moitos esta transformación: desfacer lindes históricas, ciclos da auga e plantacións seculares, en aras ao progreso. A algúns lugares foilles ben. A outros, non: xa se ve o abandono no que quedan agora prados e leiras.
Pero el non o dicía por iso. Lembraba aquela vez que baixara polo medio do lugar, dende As Seixas, por un carreiro. Case cada dez metros, cada finca tiña un nome. Non atravesaba terras, atravesaba almas. Moitos deses cornechos chamábanse así dende, non sei, a Baixa Idade Media. No ecosistema que habitabamos, moi animista, todo tiña un apelativo, unha referencia. Vacas e leiras, aires, chuvias, montes, medos. Pasar por aquel carreiro, por tantos carreiros, era ir abrindo portas de espazos con personalidade, o GPS histórico. Iso perdeuse, ou case. Imaxino que aínda dormen en follas sepultadas nun arquivo municipal.