Herbas vellas

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

ZAS

Estes días estamos vendo todos eses camiños, sinais, indicadores ou beirarrúas da bisbarra que, a estas alturas do ano, seguen cubertas de maleza. Bens públicos sobre os que ten responsabilidade a Administración pública, aos que, tarde ou cedo (agardemos que canto antes) lle poñerá remedio. De feito, xa se ven as máquinas por aí.

Hai outros elementos cubertos de silvas, de hedra, de maleza, cos que xa non é posible facer nada: aparellos de labranza que, un día, a saber por que, o dono deixou de usar, e aí quedaron. Teño moitos exemplos. É impactante ver o remolque dun tractor que quedou na beira das casas do Curro (as dos caseiros, ao lado das Torres do Allo), co cepo por debaixo do enganche, absolutamente cuberto de todo. Debe levar así uns 40 anos, contábame o cura.

Corenta anos! Aínda que foran menos! En que momento vital alguén deixa de lado, porque non lle queda máis remedio, os seus apeiros ou as súas máquinas, coas que traballou tamén durante moito tempo, e empeza a súa nova morte de pleno abandono? Ás veces, en paseos por estradas estreitas e anónimas de Coristanco, Cabana ou Carballo, vexo fresadoras en igual situación. E gradas. E arados, tamén de ferro. Nada que ver coa fachenda dos que locen nos xardíns, mesmo no alto dunha placa. E ata carros de madeira, aínda coa chavella. O louro e as piogas seguro que xa foron comidos pola auga e o vento e a descomposición. Do resto vaise encargando a herba, que envolve os eixes e as cabezallas, pero cústalle. Son duros, malos de matar de todo. Pena dunha desbrozadora con xeito, e tempo, para recuperar tanto patrimonio que nos fixo como somos.