Héctor Guerra, o Mago Teto: «Para que buscar o porqué da maxia?»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

O mago Teto, nunha das actuacións do espectáculo co que chega a Vimianzo
O mago Teto, nunha das actuacións do espectáculo co que chega a Vimianzo PACO ROCHA

Chega mañá a Vimianzo con «GaleRock'N'Magic», ilusionismo e música en directo: 20.30 horas, na Casa da Cultura. Atentos os nostálxicos do Xabarín Club, pois esa será unha parada importante

20 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Maxia e música en galego: velaí a cita do Concello de Vimianzo para este sábado 20 de marzo, ás 20.30 horas na Casa da Cultura. Trátase de GaleRock’N’Magic, con Héctor Guerra, o Mago Teto (Viana do Bolo, 1977). Son máis de trinta anos de xira e actuacións por Galicia adiante (e máis alá): «Ás veces aínda me perdo. Cada vez estamos máis apampados co GPS», confesa. Agradece a quen se achegue mañá, pola confianza no seu traballo, e anima aos que estean indecisos: di que veñen cargados de enerxía e ledicia. Poden conseguir as entradas anticipadas na páxina woutick.es ou ben achegarse á Casa da Cultura o sábado xa dende as 19.30, unha hora antes do inicio do espectáculo. 

—Volve á Costa da Morte.

—Pórtanse moi ben por esa zona, e nun futuro aínda haberá máis actuacións nela, dá gusto. Agradecido, neste caso, con Vimianzo: sempre que se crea un espectáculo, e xa levo uns cantos, acaba pasando por aí, é unha praza fixa.

—Que trae en GaleRock’N’Magic?

—Estreámolo no 2025, unha continuación do espectáculo anterior, Rock’N’Magic. Un formato no que estou a gusto: é maxia, pero con músicos en directo que fan a banda sonora dos xogos. Se o anterior eran cancións universais do rock&roll, neste fomos máis alá e son só galegas. Un espectáculo made in Galicia. O tren de Andrés Dobarro; Agardarei, de Batallán; Siniestro Total ou unha parada importante en algo que marcou unha xeración, as cancións do Xabarín Club: Heredeiros, Diplomáticos, O Caimán do Río Tea...

—Inclúese nesa xeración?

—Claro! Teño o carné do Xabarín! GaleRock’N’Magic estanos dando moitas alegrías. A xente é parte activa: o outro día unha persoa sacou un carné de hai 30 anos! Identifícanse, piden esas cancións que seguen de actualidade. E os nenos ven trucos con personaxes como Doraemon, Arale, Son Goku, Shin-Chan... Personaxes que fixeron máis polo galego que calquera campaña de política lingüística dos últimos 50 anos.

—Falamos dunha cita familiar.

—Exacto. En cada espectáculo buscamos emocións. Con este acádase a nostalxia de tempos que non volverán, e á xente nova achegámoslle cousas que igual non coñecían. É curioso, tamén, como se lle explica á xente de fóra de Galicia que é o Xabarín Club: nin unha banda sonora de debuxos nin un programa normal de televisión... O Xabarín foi unha loucura, cento e pico mil socios, os aniversarios na pantalla...

—Como ensambla todo isto?

—Logo de Rock’N’Magic quedei con certo baleiro, descubrira un formato novo, con moita interacción e bo rollo con Fernando Risco e Ramón Orencio, os músicos. Iniciada a xira anterior, eu xa pensaba no seguinte proxecto, e a música galega é moi potente. Comezas a escoitar, recuperar cancións... e a buscar xogos que garden relación con elas. Hai, por exemplo, unha recreación de feiras de hai anos. Na de Viana eu tiven os primeiros contactos coa música e a maxia. Nela merquei discos de Los Suaves ou Iron Maiden e aprendín técnicas cartomáxicas vendo a uns xogadores do trile. Sempre me botaban!

—Semella que foi quen de unir o ocio e o lúdico co divulgativo.

—Esperemos! O obxectivo das artes non é quedar nun mero entretemento, senón quizais formar un pouco parte da vida da xente.

Calidade técnica e un particular xeito de contar: algunhas das bazas do mago Teto
Calidade técnica e un particular xeito de contar: algunhas das bazas do mago Teto PACO ROCHA

—É posible entender a maxia dende un punto de vista racional?

—Pero para que lle has de buscar o porqué á maxia? [Ri] Disfrútaa! Sabemos que hai un segredo, psicolóxico, técnico, moito traballo detrás, pero o caso é somerxerse na ilusión. O que máis me importa é que a xente o pase ben e, se é pola maxia, mellor. Hai quen logo deste espectáculo se achega para dicir que lle entraron ganas de saír de festa. Iso é! A ledicia!

—A súa primeira actuación foi no 1992. Non tiña nin vinte anos. Soñaba con ser mago?

—É algo bonito. Hai días, claro, lonxe dos teus, traballando nas que para os demais son xornadas de ocio. Eu nunca o soñei. Cando empecei nin sequera sabía que isto podía ser profesión. A vida foime levando... e pagábanme por isto!. Dediquei todo o esforzo e enerxía a algo que me enche. Tempo, inversión económica, libros... Podería ter con todo iso un máster no universo, si, seguramente, pero isto gustoume.

—Segue a vivir por Viana?

—Xa hai un tempo que en Santiago, por diversos motivos e centralidade, e antes en Lugo. Con 18 anos funme alí a estudar Enxeñería Química e Industrial. Foron anos perdidos [ri], pero de aprendizaxe para facer probas e ensaios de maxia na cafetería da facultade, nas noites cos compañeiros... O banco de probas do que fago.

—Mudaron moito as opcións se un neno hoxe quere ser mago?

—Mudou o mundo! Cando eu comezaba, en español, habería 10 ou 15 libros. E para conseguilos...! Nos primeiros cinco anos, en Viana, non tiven contacto con ningún mago, non había. Hoxe con internet contactas con un ata de Nueva Guinea, accedes a titoriais... O de antes era todo máis artesanal. Contáballe hai días ao meu fillo a ilusión que tivera cun dos meus libros preferidos. Lembro o momento, a chamada, a hora... Sígoo estudando, unha obra de arte de Tamariz.