A Muiñada de Vimianzo participará no Culturgal como exemplo de festival transformador

La Voz CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Imaxe da última edición celebrada até o momento: a décima
Imaxe da última edición celebrada até o momento: a décima BASILIO BELLO

Manuel Rial, da asociación cultural Cherinkas, intervirá nunha mesa redonda con representantes doutras citas galegas: será o venres, en Pontevedra

24 nov 2025 . Actualizado a las 17:30 h.

A asociación cultural Cherinkas, organizadora da Muiñada de Vimianzo, participará este venres no Culturgal para reflexionar sobre xeitos diferentes de organizar festivais, e sobre o potencial que estes teñen para construír pertenza e fortalecer vínculos.

A cita vimiancesa, que celebrou este outono a súa décima edición, foi unha das seleccionadas para integrar a conversa «Festivais como espazos de transformación». Durante o encontro porase o foco nas novas xeracións que están a reinventar a maneira de facer festivais.

A sesión terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra, dentro das xornadas profesionais do MUMi Coidar a música: a escena que queremos, e en representación de Cherinkas intervirá Manuel Rial. Estará acompañado na mesa de Marta Álvarez, da Foliada da Fonsagrada (Lugo); Xacobo García, do Ponte Farruca de Laza (Ourense), e Susi Álvarez, da Ruada das Gotas de Ribadumia (Pontevedra). O encontro estará conducido por Eva Fernández Prieto, de Rebelico Revista.