Rebeca Montero: «'As desterradas' atrapa ao público dende o minuto cero»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO/ LA VOZ

VIMIANZO

Rebeca Montero, no centro, no seu papel de sor Elvira
Rebeca Montero, no centro, no seu papel de sor Elvira SABELA EIRIZ

Unhas monxas do século XVI con moito poder a conservar: diso vai peza teatral de mañá en Vimianzo, a cargo de Producións Teatrais Excéntricas

03 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O outono é unha estación ben propicia para o teatro, e esta fin de semana haberá varios lugares para comprobalo. Carballo co seu FIOT, pero tamén Vimianzo, onde mañá, ás 20.30 horas no auditorio da Casa da Cultura, seguirá avanzando a programación destes meses con Producións Teatrais Excéntricas e o seu espectáculo As desterradas. Entre o elenco de actores, Rebeca Montero. «Feliz, xa non queda nada», dixo na súa conversa con Fran Rodríguez en Radio Voz. Entradas en woutick.es ou na propia Casa da Cultura dende unha hora antes do arranque. 

—Das «Desterradas» sabemos que son unha comunidade de monxas do XVI, ás beiras do Miño. Que máis podemos saber?

—O que verá o espectador é unha historia que atrapa dende o primeiro momento. Conta, de xeito ficcionado, feitos que ocorreron, algo ben interesante. Parece que o mundo vai para adiante, pero ás veces vai para atrás, e logo volve para adiante. Carme Varela, a escritora, elabora un texto de ficción, pero podería ser moi certo isto que ocorre.

—Di que atrapa.

—Dende o minuto cero. Temos xa feitas moitas funcións, e pásao moi ben o público.

—Para vostede foi descuberta?

—Realmente, unha historia fascinante. Unha non imaxina que naquela altura mulleres coma estas tivesen tanto poder, económico e de decisión. Parece que a Igrexa sempre tivo o mesmo poder e non foi así: moitas destas monxas que entraban en mosteiros eran fidalgas, levaban cartos e criados. Mercaban terras, facían negocios, cousa que desde o día de hoxe parece que non podía ser así, e foino. A historia desta peza ocorre nun momento de inflexión no que a Igrexa comeza a ter outro tipo de poder, e elas perden o seu: velaí o conflito.

—A historia sempre sorprende.

—Sempre.

—Ademais de vostede, o elenco é de altura: Melania Cruz, Patricia Vázquez, Rocío González, Belén Constenla e o cormelán Víctor Mosqueira. Cal é o papel deste home entre mulleres?

—Fai de todo, absolutamente. Víctor é o comodín do público, como lle chamamos nós [ri]. Entradas de música, cambios escenográficos e todos os personaxes masculinos que hai na peza, que son bastantes. Nesa cousa que ten Víctor Mosqueira de camaleón, el consegue facer esta maxia.

—E vostede é sor Elvira, unha monxa que leva deben ben noviña no mosteiro de Albeos. Dicimos que é a voz da experiencia?

—Tal cal. Desas mulleres que deixaron alí os seus diñeiros, poderes e tradición. Todo iso que non queren perder. Sor Elvira é un personaxe precioso.

—Dirixe Quico Cadaval, e entendemos pois que coa súa retranca, a súa sorna, o seu xeito de contar, hai momentos moi amables para o espectador.

—Toda a peza é moi amable, está trufada de momentos de humor, porque a vida é así: incluso nos momentos de conflito, rimos. A risa é un escape marabilloso para as penas e para as traxedias.

—Estrearon alá por marzo deste ano, e conta que xa levan unhas cantas funcións. Como é a acollida por parte do público?

—Sorprendemente marabillosa. Aínda facendo unha peza dende a paixón e os coñecementos, nunca sabes como vai funcionar, e esta está indo moi ben en todas partes. Temos xa unha xira importante: vimos de estar en Outes, onde a resposta foi xenial. Non me gustaría que o domingo, cando os vimianceses saian pasear pola mañá, se atopen con alguén que lles diga que o pasou moi ben no teatro o sábado, e que eles non foran. Hai que ir, porque de verdade que o motivo de conversa será As desterradas.

—Falamos da resistencia de mulleres. Mulleres autosuficientes e poderosas. Podemos quedarnos con mensaxe final?

—Penso que si. As mulleres somos poderosas de por si, sabémolo todas e todos, temos que estar aí sen perder comba.