Mes do Libro en Vimianzo e outras citas para este venres

La Voz CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

ANA GARCIA

Axenda diaria | Carballo, Paiosaco, Zas ou Coristanco teñen interesantes propostas para este 4 de abril. Mais tamén outras vilas: anote! 

04 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre hoxe e o 27 de abril sucederanse en Vimianzo unha serie de presentacións literarias, todas elas aglutinadas no programa do seu Mes do Libro. A cita desta tarde, 20.00 horas, na Casa da Cultura, será con Braulio Pérez Astray e a obra Médicos e medicina rural na Costa da Morte, un afondamento na figura do pai do autor, Manuel Pérez Maroño, médico rural durante máis de 40 anos.

Outras propostas para este venres na Costa da Morte

Teatro en Paiosaco, saúde en Coristanco, videoxogos en Carballo, literatura e historia por Vimianzo, diversidade por Zas e, aínda máis, todas estas outras propostas para hoxe na Costa da Morte:

Cee • Inauguración de exposición • Ás 19.00 horas, na sala de exposicións da Casa da Cultura, O soño dun neno, do coristanqués Luís Lista Cancela (1957). Tiña sete anos cando empezou co debuxo, mais é agora cando os seus traballos ven a luz, con mostras que xa pasaron por Carballo, Ponteceso, Caión ou Vimianzo.

Carballo • Costa da Morte de Transformación Digital Pymes • Promoven a segunda edición desta iniciativa Axober e a comunidade de propietarios do polígono de Bértoa. Hoxe ás 12.00, no Centro de Promoción Económico do Parque, presentación para os propios empresarios.

Carballo • Recital poético • Primeira cita dunha fin de semana «frenética» no Casino de Carballo. Ás 20.00 horas, recital Trunfan versos, coas intervencións de Suso Bahamonde, Natalia Lema e Tania Yáñez. Conduce o tamén poeta carballés Ramón Sánchez.

Vimianzo • Doazón de sangue • Unha unidade móbil prestará servizo de 16.15 a 21.00 horas diante da casa consistorial. Non é preciso cita previa, tan só achegarse.

O Couto (Ponteceso) • Reunión de Religa • A Asociación de Casas Museo e Espazos Literarios de Galicia, Religa, reunirase hoxe ás 12.00 na sede da Fundación Pondal, con participación da entidade anfitrioa e das Fundacións Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Novoneyra e Manuel María.