Cherinkas e Concello presentaron a programación da cita, que terá por día grande o 19 de outubro
19 sep 2024 . Actualizado a las 17:19 h.18 e 19 de outubro • Elixiron unha xornada simbólica, xusto un mes antes, e cadroulle unha mañá preciosa «nun lugar único», o Muíño da Gándara. Foi aí, nun dos espazos que será protagonista do encontro, onde a entidade Cherinkas e o Concello de Vimianzo deron a coñecer a novena edición da Muiñada, unha antropofesta concentrada no sábado 19 de outubro, pero alongada este ano cunha véspera a base de cantos de taberna polo bares da vila (venres 18, 21.00 horas). Xa o di a canción, que «unha noite non é nada». Polo momento non chega a «semaniña», pero todo se andará.
Representantes da organización e de grupos participantes —caso de Unto Vello e De Ninghures— así como de colaboradores —Deputación, Trubisquiña e O Ariete— tomaron parte nesta posta de largo: «Música, gastronomía e baile levaranse polos diferentes muíños do val de Soneira», avanzou Manuel Rial dende Cherinkas. Sendeirismo, teatro, foliada, xogos, un campionato de debullada de millo, un espectáculo familiar ou unha palillada complementan os concertos previstos na xornada do 19, con requisito de aboar entrada no caso da sesión vermú (Lina e Lola, Muíño da Gándara, 13.30) e da velada nocturna no palco da Maquía do Muíño da Agra (Crua, 22.00 horas; Ailá, 23.30 e De Ninghures, 01.00). Os tiques están dispoñibles de forma anticipada en woutick.es, con toda a información precisa en cherinkas.org.
É nesta web, precisamente, onde terán que anotarse os interesados en participar na ruta teatral por Sanfíns e os Muíños de Cambeda, que se retoma logo de que a última edición non puidese ser polo tempo (10.00). É de balde, igual que as propostas da tarde do sábado no palco do Tarabelo do Muíño da Agra, incluído o concerto de Unto Vello (19.00).
Na quenda de intervencións, ademais de Rial, falou a alcaldesa, Mónica Rodríguez, plena de agradecemento e parabéns á organización por esta festa «que di moito da nosa historia». É celebrar a identidade. A cita xa ten berro propio: «A muiñar!».