A asociación xuvenil anuncia a festa do 9 de decembro cun vídeo de humor e fondo
15 nov 2023 . Actualizado a las 21:11 h.Como xa fixera Axvalso no seu día ou como fixo e segue a facer Cherinkas, a asociación xuvenil O Ariete continúa tirando da unión e da colectividade para artellar propostas nun Vimianzo que é emblema e exemplo deste empuxe comunitario. O Ariete anda preparando para o 9 de decembro unha Frikifesta na capital de Soneira. Será ese día, mais realmente empezou moito antes, porque a organización xa publicou nas redes un vídeo promocional que é celebración e unión en si mesmo.
Guille del Moral (20 anos), presidente da entidade, explica que xa cando se constituíu a asociación, o pasado verán, tiñan como proxecto recuperar festas que se foran perdendo, feitas por outras agrupacións. É o caso da Frikifesta, que promovía Cherinkas, e que debe haber cousa dun decenio que quedou atrás. Nunha das reunións do Ariete preguntáronse que sairía en Youtube se un procuraba Vimianzo, e así deron con vídeos de anuncio deste encontro. Co gusto de Guille polo teatro e pola escrita —el é o autor do guión—, deseñaron así unha sorte de pequena película, algo máis de 9 minutos, nos que membros de O Ariete, fundamentalmente, desenvolven o argumento e a trama.
É unha festa que xira arredor da figura do friki, entendida como se entende na referencia «da cultura popular» ou ben no sentido «de raro». Na curta, unha docente-científica crea As Súper Rapasas para combater as forzas do mal (e tamén os «señoros»). É o caso dun «empresario rácano e chungo», con moitas referencias aos Simpson, pero adaptado ao local. As noticias nun bar sérvenlle a O Ariete para facer nesta peza unha crítica á politización da información: «Segundo o dono da nosa canle de TV e polo tanto dono da verdade...», di o presentador. Ao final, unha chamada a todos os vimianceses e vimiancesas para acudir a reivindicar a súa idiosincrasia, e polo tanto asistir á festa. Deixa o traballo un terceiro significado para o termo friki, como persoa que se sae da norma ou do que quere impoñer a sociedade. Recoñeceranos nestas imaxes gravadas, a maioría, xa no mes de setembro.
«Coido que facía falta, moita, sobre todo por ser Vimianzo unha vila que, como outras do rural, están perdendo actividades sociais e culturais», explica Del Moral sobre O Ariete: «É un mecanismo para facer comunidade, para reunirnos a xente nova, facer cousas polo ben común e por Vimianzo. Somos unha asociación sen ánimo de lucro, non queriamos caer na dinámica dunha empresa de ocio que veña a ofrecer algo, senón impulsar un ocio feito entre todas», engade. Polo momento centráronse no festivo, mais xa contactaron con autores para presentacións literarias e tamén incentivan teatro, como fixeron nesta curta ou coa obra de teatro preparada para O Akelarre.
No horizonte máis próximo, non obstante, a Frikifesta: 9 de decembro, no pub Mehari (Praza do Concello). Ás 19.00, desfile friki; ás 20.30, Frikiolimpiadas (as probas máis absurdas); ás 22.00, concurso de disfraces. Das 23.00 en adiante, concerto de The Balayos; logo, ás 00.30, Escravos. Unha aposta polo punk que rematará DJ Sankara das 02.00 en adiante. Haberá opción, para quen así queira, de comida vegana.