«Cartoóns», o espectáculo que tes que ver hoxe en Vimianzo

P. Blanco, A. Lestón CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

BASILIO BELLO

Son dous pallasos con moito humor abordando a reciclaxe. Eles salvan a súa vida con cousas que outros desbotan... Ás 21.00, na Praza do Concello, de balde

05 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, en Vimianzo • 21.00 • A Praza do Concello de Vimianzo acollerá hoxe unha nova proposta do ciclo Vimiansol. Será Cartoóns, espectáculo de Excéntricas protagonizado por Josiño Porto e o cormelán Víctor Mosqueira. O acceso é de balde, así que só hai que achegarse e pasalo ben. Falou Víctor en Radio Voz:

—Dobre parada na comarca estes días. O xoves inauguraban en Cee a exposición dos 30 anos do dúo Mofa e Befa.

—Alí estivemos, na Casa da Cultura, abrindo esta exposición que xa pasara antes polo FIOT de Caballo e por Muros [comisaria Natasha Lelenco]. Faise aproveitando o ciclo Á EsCEEna!, que pecharemos nós, precisamente, o vindeiro 24 de agosto, coa función Pirolíticos. É unha mostra que está gustando, e fainos ilusión vernos tan novos daquela, recordar... Anécdotas, por que tiñas o pelo así ou asá... É emocionante para nós e a xente rise véndoa, pásabao moi ben.

—Con vostedes é difícil non rirse.

—Levamos anos... e temos moito público, a verdade.

—E que traen para hoxe en Vimianzo? Que é «Cartóons»?

—É un espectáculo da pallasos clásicos sobre a reciclaxe. Un espectáculo para nenos e nenas, aínda que os pais o pasan bastante ben tamén. Levamos case xa 100 funcións con esta obra que pretende concienciar aos máis novos sobre que a reciclaxe pode ser tamén divertida. Estes dous personaxes, que se chaman Un e Ous, solucionan a súa vida aproveitando, reutilizando...

—Por que esta idea?

—Pedírannolo nun congreso de reciclaxe en Pontevedra. Querían un número curtiño, como de 15 ou 20 minutos, e ideamos algo que efectivamente está dentro deste espectáculo que agora é Cartoóns. Tivo tanto éxito que ao saír nos plantexamos facer un espectáculo arredor desta temática. Puxémonos a xogar e foron saíndo cousas, tamén nos botou unha man Quico Cadaval, a berros dende fóra porque basicamente dirixíamos nós mesmos [sorrí]. E así foi, un espectáculo moi festexado, acabamos de chegar agora de Valle de Mena, en Burgos, onde funcionou fantasticamente ao aire libre, como agardamos tamén que pase en Vimianzo. Esperamos alí moitos nenos e nenas: non dura moito, é unha hora, non queremos agobiar.

—Din que o que fai Mofa e Befa é «perralleirismo». Que diría que é o que fai Excéntricas?

—Neste caso tamén podemos dicir que o de Cartóons é teatro perralleiro, porque está feito con materiais moi básicos, sobre todo con cartóns, pero tamén botellas de plásticos, cordas, crebas... Por estética é perralleiro, e tamén porque coma en Mofa e Befa somos os dous, por máis que o tratamento é de clown clásico, non tan cañero coma no outro caso, digamos que máis suave. Os de Excéntricas son espectáculos moi variados, non se poden catalogar por xunto coma en Mofa e Befa. Agora mesmo de feito vimos de estrear O auto do Castromil, co que supoño que tamén chegaremos a Bergantiños, porque temos bastantes funcións. Estivemos tres días no Teatro Principal, cheo, e tamén pechamos o Festival de Ribadavia con grande éxito.

—Xa que fala de Bergantiños, a pregunta é obrigada. Poderá andar por Corme este verán?

—Ao Percebe non puiden ir, tiña función, pero conto con ir esta semana a Corme, por alí estarei vendo aos meus amigos, á miña nai... Levarei os cans para que se bañen... Algo de vacacións, que poucos días han de ser, pero bueno... Os que sexan aproveitareinos.