Tendemos a facer máis ruído cando as cousas non saen ben, ou polo menos cremos que deben mellorar o que lles falta algo. É natural, pero esta reacción lóxica, agora amplificada polo uso masivo das redes sociais (que igual que multiplican tamén provocan que case todo quede en estoupidos que pouco tempo resoan) queda coxa ao ver que non comentamos tanto o que ben funciona. E é moito máis do que nos parece, grazas ao traballo de bos profesionais, e mesmo da xente que che aparece diante e que fai por abrir camiño dun xeito moi fluído.
Esta semana tocoume acompañar a unha persoa maior a vacinarse ao PAC de Vimianzo. Se cadra porque somos así, xa vas pensando no peor: seguro que se retrasa, ou que me falta algo, ou que non atopo o sitio, o que me din tal cousa... E resulta que chegas antes de tempo e podes poñerte á quenda sen máis, e que vai rápida, e iso porque os que están alí xa che indican sen preguntar e en voz baixa. E a xente avanza rápido, así que nin sequera padecen demasiado os que necesitarían sentarse (un banco non estaría mal, pero así son os protocolos). E cádralle que dentro as dúas persoas que atenden son amables, responden a todo o que lle preguntas cando xa deben de estar ata aí arriba de contestar sempre o mesmo e a todo o mundo dende hai días. Pero non: dáche a impresión de que es o primeiro. Un pinchazo que non doe, unha saída ben regulada, o que podía ser un tormento é un trámite agradable no que ademais moitos maiores aproveitan para falar e algún volver a verse. Non sei se sempre é así, ou a todos, pero polo menos que conste que os servizos públicos funcionan. E que sigan.