Damián Álvarez: «Non sei se son profeta, pero faime moita ilusión desfilar no Encaixe»

«Este ano espero participar no salón de moda de Nova York», di o vimiancés


Carballo / La Voz

Casualidades da vida, ou non, Damián Álvarez Tajes é natural de Pasarela (Calo, Vimianzo), e precisamente nunha pasarela é onde destaca na súa faceta de modelo, un mundo ao que chegou un pouco polo azar hai tres anos -ten 27 na actualidade e naceu na localidade suíza de Delémont, no cantón de Jura- e que lle permite vivir profesionalmente, deixando a un lado o seu traballo de delineante e topógrafo en Ferrovial. Foi unha exparella a que empezou a enviar fotografías ás axencias e o teléfono móbil comezou a soar. Agora é un reputado modelo, que traballa para as primeiras firmas de ámbito nacional e internacional como Guess, Versace, Armani, Dolce&Gabanna, Versali, Lamborghini, Stradivarius... Onte estaba traballando na preciosa rexión italiana de Liguria, preto xa da fronteira con Francia, e aproveitou un oco na súa apertada axenda para atender a La Voz.

-Despois de Liguria, onde traballará?

-Milán, Nápoles, Exipto, Sevilla...

-Unha axenda moi apertada.

-O que piden as axencias, pero este traballo gústame, iso é a verdade.

-Nunca tivo medo escénico?

-Non, porque eu xa facía teatro en Vimianzo, e iso permitiume quitar esa sensación de medo escénico. Ao revés, gústame desfilar.

-Vostede é o protagonista absoluto do cartel e do vídeo do Encaixe de Camariñas, que este ano acada a súa trixésima edición.

-Estou moi contento cos resultado de ámbolos dous traballos. A organización quería algo diferente para esta edición tan especial, algo rompedor e innovador.

-E vaia se o conseguiron.

-Pretendían incorporar ao home a un tecido moi vinculado tradicionalmente ás mulleres, e a verdade é que o resultado foi moi bo. Creo que se acadou o obxectivo.

-Que destacaría da portada do cartel do Encaixe de Camariñas?

-Todos os complementos son feitos de encaixe: o lazo de cor negra, a faixa, o pano da man... O encaixe é un tecido perfecto para o home. Creo que triunfará. Ten uns detalles únicos. O encaixe pode valer tanto para un home como para unha muller.

-Recomendarallo ás firmas para as que traballa?

-Eu traballo xeralmente con estilistas, pero se teño a ocasión de falar con algún deseñador e me pide a miña opinión, daríalla. Na Coruña hai unha casa que emprega encaixe nos seus modelos masculinos, pero non sei se é de Camariñas.

-Considérase un profeta na súa terra por desfilar o 8 de abril en Camariñas?

-No sei se son profeta na miña terra, pero faime moita ilusión desfilar no Encaixe, en Camariñas. Estar en Semana Santa na miña casa, coa miña familia, e desfilar cos meus é algo moi bonito.

-Como xurdiu a posibilidade de protagonizar o cartel e o vídeo do Encaixe deste ano?

-Chamoume o fotógrafo Diego Alonso. Eu estaba a finais do pasado ano en Cidade do Cabo, Suráfrica, e ía estar alí tres meses. Comentou que quería facer algo diferente para a Mostra do Encaixe de Camariñas deste ano. Falamos, e cando regresei de Suráfrica fixemos o vídeo e as fotografías, e a verdade é que me gustou como quedou todo.

-A súa carreira nestes tres últimos ambos foi meteórica?

-Teño a sorte de ter este traballo, pero aínda quedan retos por acadar.

-Como cales?

-As axencias para as que traballo están en Italia, Alemaña, España, Noruega... Pero aínda non desfilei en París ou Nova York, aínda que en Nova York espero desfilar este ano.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Damián Álvarez: «Non sei se son profeta, pero faime moita ilusión desfilar no Encaixe»