As mulleres que me precederon

Tero Rodríguez

VIMIANZO

BASILIO BELLO

En primeira persoa | «(...) Son unha muller libre de chegar á casa de madrugada ou de saír dela sen que abrira o día. Son unha muller libre para amar. Casamento, adopción, acollemento, amizade, definen a miña familia libre, construída sen prisións xenéticas(...)», escribe a actriz Tero Rodríguez

26 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As miñas devanceiras

mulleres domésticas, todas, precedidas polos bois  (...)

(cando a fala era creación)

creación das avoas

das trinta xeracións de nais que me precederon e falaron en galego

das trinta ou máis xeracións de nais que me precederon e falaron nunha lingua extinta da que conservo ecos na memoria

e daqueloutras, sen nome, erguendo a fala entre os seus cabelos  (...)

eu, a primeira entre todas elas que non sei cavar, nin segar, nin vendimar…

A ponte nas Poldras. Chus Pato.

Madrugo e vou camiño do traballo. Hoxe toca función en Vimianzo. Hoxe toca na casa. Hai seis anos que comecei a ser Elvira de Ogas nas visitas teatralizadas de Os Quinquillans no Castelo de Vimianzo. Cento vinte funcións. O que dicía; aínda que nacín ben lonxe das Terras de Soneira, hoxe traballo na casa. Nesta ocasión Lucho Penabade, Roi do Cereixo, e máis eu non imos ao castelo, imos á Casa da Cultura a representar Language Planning, unha creación de Os Quinquilláns a partir do marabilloso Made in Galiza de Séchu Sende, con textos de Xesús Rábade Paredes, Núñez Singala e Chus Pato. A peza fala de lingua, de tradición, de resistencia, de identidade. Os versos cos que encabezo este artigo soaron nas cincuenta funcións que, da man da editorial Galaxia, levamos feitas. Hoxe tamén soarán en Vimianzo e volvereime emocionar sentíndome acompañada no escenario polas xeracións de Mulleres Anta que me precederon.

Son Teresa, Tero Rodríguez. Directora de escena, autora teatral e actriz. Son Elvira de Ogas no Castelo de Vimianzo, Elba no Dolmen de Dombate, Francisca de Riobóo no Pazo do Allo en Zas, Silvina en Moraime... E seica este verán, no Castro da Cidade de Borneiro, tamén vou ser Nabica.

Son unha muller libre para escoller a miña profesión e vivir do teatro. Son unha muller libre para dispoñer do meu diñeiro gañado coa felicidade de traballar no que me gusta. Son unha muller libre para ter un compañeiro de oficio home, que non é o meu home, co que comparto a soas longuísimas xornadas laborais. Son unha muller libre de chegar á casa de madrugada ou de saír dela sen que abrira o día. Son unha muller libre para amar; casamento, adopción, acollemento, amizade definen a miña familia libre, construída sen prisións xenéticas. Esta fin de semana son unha muller libre para exercer o meu libre dereito a votar. Todo isto forma parte da miña identidade e faime unha muller singular e moi afortunada dentro das xeracións de mulleres que me precederon, porque son a primeira delas que pode facer todas estas cousas.

Elas, as que me precederon, son as mulleres que se erguen comigo cada mañá para lembrame o que somos.

Mulleres como Elba, que viviu ao pé do Dolmen de Dombate hai cinco mil anos. De Elba herdamos o deber do coidado da comunidade. Elba fixo o que aínda antes ninguén fixera; observar a vida con intriga científica. Así descubriu que sementar podía matar a fame dos seus.

Mulleres coma Elvira de Ogas, que no século XV entrou de criada no Castelo de Vimianzo e que de maneira temeraria e imprudente se puxo á fronte dunhas revoltas irmandiñas que prometían a xustiza social. Elvira é a que nos dá o atrevemento para rebelarnos contra o que nos fai dano e reclamar o que é noso.

Mulleres coma a emprendedora Silvina que no século XVI, cando a desgraza destruíu a súa vida, peregrinou a Moraime en busca das forzas para comezar de novo. Dela conservamos a nosa capacidade de resistir e a nosa fortaleza para rexurdir infinitamente.

Francisca Riobóo púxose á fronte do patrimonio do Pazo do Allo no século XIX ao converterse na primeira muller da súa familia que conseguiu herdar. Francisca transmítenos o sentido da estratexia e a intelixencia negociadora.

Hoxe, que asumo o reto de reflexionar sobre min e a miña relación coas Terras de Soneira, de Bergantiños, da Costa da Morte... Búscome e atópome nelas, nas mulleres que alí interpreto e que representan a todas as que me precederon e sobre as que está erguida a miña libre e deliberada maneira de vivir, tan distinta á que outros planificaran para min. Mais na miña análise tamén aparecen irremediablemente os homes que me acompañan neste arar fóra do rego. Sen a súa conivencia nunca a esas terras tería eu chegado.

Obrigada sempre.