«Este ano, como o anterior, batemos o récord de inscritos»

F. Rodríguez / T. Longueira

VIMIANZO

Ana Garcia

ATLETISMO | Vimianzo acollerá este domingo pola mañá unha nova edición da súa carreira popular. Fala o técnico Víctor Santos

30 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Vimianzo acollerá este domingo pola mañá unha nova edición da súa carreira popular, valedoira como sempre, para o circuíto Correndo pola Costa da Morte. Víctor Santos, técnico de Deportes do Concello de Vimianzo, analizou onte en Radio Voz Bergantiños os pormenores desta gran cita do atletismo.

-Xa está todo listo para esta proba, fixada inicialmente para outras datas.

-Pois si. No calendario orixinal estaba fixada para o 28 de abril, pero a raíz da convocatoria das eleccións nacionais vímonos na obriga de adiantar a data da celebración da proba.

-Influíu este cambio na cifra de deportistas inscritos?

-Batemos de novo o récord de inscricións. O pasado xa o batéramos, e agora, tamén. O pasado ano foron 938 anotados e este ano, 977. Agora hai que ver se estes bos datos reflicten logo na cifra de participantes.

-Por que?

-Hai que ter en conta que nas cifras de inscritos hai que contabilizar aqueles que xa se anotaron para todo o circuíto. É dicir, hai unha serie de atletas que están anotados para todas as carreiras e eles elixen ás que van. Teñen que facer un mínimo de sete probas, polo tanto, teñen marxe para poder acudir a unha ou outra proba.

-Que me pode dicir do percorrido deste domingo de Vimianzo?

-O destacable da proba é que se trata dun circuíto homologado pola Federación Española de Atletismo. É un percorrido bastante rápido, moi plano e moi esixente, porque a xente que vaia pelexar pola vitoria non terá un só tramo onde poida baixar o pistón por así dicilo. Terán que ir a tope en todo o percorrido se queren facer marca e non hai desniveis que te permitan cambiar de ritmo.

-Xa teñen definidos os horarios?

-A proba raíña, a 10k, arrancará ás once da mañá e despois, ás 12.15 horas, correrase a 3K contra o cancro. Ás 12.17 horas tomarán a saída os infantís, cadetes e xuvenís. Ás 12.50 horas sairán os alevíns, as 13.00 horas, os benxamíns e ás 13.10 horas, os pitufos.

-Cal é a previsión de tempo para este domingo?

-En principio dan moi bo tempo, por iso esperamos una alta participación. Tampouco sería desexable moita calor e para evitar os seus efectos habilitaremos un punto de refrixerio.

-Faltará á proba unha das clásicas, Teresa Castro.

-Si, atópase no campionato do mundo de Polonia e, ademais, colleitando uns moi bos éxitos.