O Pondal máis escuro chega a Vimianzo

La Voz

VIMIANZO

Ana Garcia

«Fillos do sol» aterra na Casa da Cultura soneirá tras unha longa xira por Galicia. De aquí a final de ano estará tamén en A Laracha, Ponteceso, Malpica e Zas

13 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, na Casa da Cultura de Vimianzo, ás 21.00 • Foi unha das apostas estrela da pasada edición do FIOT, e non defraudou. Unha vez finalizado o festival foi avaliada como a segunda mellor obra de toda a programación teatral, só por detrás da excepcional Incendios de Nuria Espert, e dende aquela Fillos do Sol non parou de xirar por salas e auditorios de toda Galicia, colectando o favor da crítica e achegando ao público unha visión máis próxima do bardo pontecesán.

Da man de Alba Bermúdez, César Cambeiro e Adrián Ríos enriba das táboas, e coa dirección do gran Cándido Pazó, Contraproducións achega unha valiosísima proposta de cara non só a homenaxear a Pondal no centenario do seu pasamento, senón tamén a dar a coñecer ese aspecto escuro, delirante e perfeccionista do poeta. Moi intelixente, neste sentido, desdobrar o papel protagonista, presentándoo en dúas etapas diferentes da súa vida e mesmo compartindo tempo e escena. O labor de Ríos e Cambeiro, neste caso, intachable.

A escenografía, a montaxe e a iluminación mereceron tamén boas críticas por parte dos espectadores, como tamén o traballo da carballesa Alba Bermúdez. O texto de Cándido Pazó foi merecedeiro asimesmo dun recoñecemento nos María Casares, nos que a obra resultou finalista.

A seguinte parada da xira será, precisamente, na Costa da Morte, pois esta tarde recalarán no auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo. Será ás nove da noite, e no marco do rico programa cultural de outono coordinado polo Concello. A billeteira abrirá unha hora antes do inicio do espectáculo e o prezo de entrada fixado é de 3,50 euros, aínda que existe a posibilidade de adquirila a prezo reducido (2 euros), para estudantes ou maiores de 65 anos.

Non será Vimianzo, a primeira parada na comarca despois da estrea en Carballo, pois o ciclo Cee á esCEEna! tamén incluíu esta peza na súa programación. E recalarán en máis ocasións de cara a final de ano pois, segundo recolle a compañía na súa páxina web, hai outras catro fechas confirmadas: o 11 de novembro na Casa da Cultura de Ponteceso (22.30), o 23 de novembro no auditorio de A Laracha (21.00), o 30 do mesmo mes no auditorio de Malpica (21.00) e o 15 de decembro en Zas (21.00).