Pobo

Vicente de Lema ONDA MAINA

VIMIANZO

08 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un pobo é unha vida. Hai un que foi medrando á sombra dun castelo medieval. A súa torre érguese lanzal. Formas que inspiran na mente debuxos de mundos de fantasía. De cativos soñabamos historias de reis e princesas entre aquelas paredes entre recias e vencidas polo desamparo do tempo. E o regato cantareiro ao seu pé. Xa máis grandiños xogabamos a tomar a fortaleza medio derruída e cuberta de silvas. No patio abandonado medrara un pexegueiro. Os froitos nunca chegaban a madurecer. Ou se chegaban, sempre había quen se adiantara. Martelo cantáralle ao amor dende a soidade daquelas paredes centenarias. Entre os muros medio desfeitos, eran as parellas novas as que ían darlle azos aos amores recentes. Vimianzo era o seu castelo que enraíza o lugar con condes, bispos e irmandiños, pero tamén o eran moitas outras cousas: a tenda de Chalo Dopico, onde vendían galletas a peso, o pan fresco e irresistible de Carlinda ou o casino da rúa Tedín. Dende a vía pública oíanse os berros dos xogadores de tute amolados por un fallo das corenta ou a perda da partida. Eran os laios da flor e nata da vila. Era tamén os bocadillos de 10 pesetas do supermercado La Mina, a centraliña do teléfono ou a carnicería do Pesco. As árbores perdidas do centro e o surtidor de combustible da esquina da praza, o bazar Mouzo, coa señora María ao fronte, a tenda do Poulán, as tapas do Vinte e oito, os rapaces xogando na beirarrúa ou facendo os deberes de francés no portal da tenda de Paco de Estrella. O Finisterre parando diante do Vía Rápida e cun xentío baixando a diario das súas aventuras viaxeiras. Un bulir ledo que vai mudando a vida de cores.