Roberto Mouzo foi meu grande amigo. Ao parar para lembrar, as vivencias irrompen de improviso nunha conxestión de sentimentos que contrasta en aparencia co seu xeito sosegado e observador de encarar a vida.
Falar de Roberto é falar de amor e respecto total polo territorio. Xa na infancia resultaba sorprendente deixarse acompañar por el en camiñadas polo monte: orientados polo seu imaxinario todo adquiría unha dimensión máxica onde cada novo espazo gañaba nome, onde cada pedra singular viraba monumento. Sei que foi para el un pracer inmenso comprobar como a súa inquietude vibraba en perfecta sintonía coa sabedoría agraria ancestral que impregna a terra na que crecemos, que transpira en cada xesto da comunidade, esa sabedoría -cartógrafa incansábel- que concedeu nome e identidade a cada cantiño do noso entorno.
Ben común
Falar de sabedoría ancestral é falar de ben común. E quen coñecemos a Roberto sabemos da súa honestidade natural fronte á inxustiza insolidaria, da súa lealdade sensata ao patrimonio comunitario.
E é que no noso tempo a rapazada defendiamos unha grande capacidade de intervención no entorno, de iniciativa non tutelada, que nos organizaba para represar a auga no canal do río ou para construír piso na torre do castelo. O ben común empapando activamente a nosa infancia.
E falar do castelo de Vimianzo, e recoñecer que tivemos unha vella fortaleza abandonada onde brincar, un tesouro real onde soñar e sentir nas mans os séculos pretéritos, permite comprender en toda a súa dimensión o respecto e admiración que Roberto sentía pola Historia, ese seu desexo de abrazar xenealoxías, castros, dolmens, toda a materia preciosa que forxou o noso xeito. Non resulta fácil falar dun amigo, non é probábel ser imparcial. O seu paso pola Terra foi un presente para a Terra. A súa determinación de artesán paciente e cuidadoso, unha homenaxe fabulosa ao Ben Común.