Vimianzo convértese na capital equina coa súa Rapa das Bestas
15 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.A falta dun día para que a Rapa das Bestas volva a facer acto de presenza no Campo da Areosa, Pablo Pereira invita a todos a asistir a esta xa consolidada cita: «Eu invito a todo o mundo a vir, é unha festa que vale moito a pena. Eu estou dentro e non o podo dicir pero o público é o que manda, e alí cada ano hai máis xente e parece ser que gusta».
-¿Como están os preparativos?
-Están en marcha. Agora estamos a preparar todo alí. Mañá [hoxe para o lector] empeza u día forte para nós, preparar todo, a comida, o palco, a música, ter todo ordenado e que non falte de nada para o sábado empezar xa coa festa.
-¿Cal é o plan?
-Primeiro empezamos cunha misa que empezamos a facer o ano pasado. Despois temos unha baixada polo pobo de A Toxa, que está alí ao lado. Ademais, van a vir dende Estados Unidos para gravar a pasada dos cabalos bravos polo medio do pobo. E pola tarde temos unha exhibición do cabalo de andadura, tamén temos unha ruta polo val de Vimianzo, que non podemos saber con exactitude cantos, pero ao mellor temos 200 xinetes. O entretemento non vai a faltar, temos tamén unha charanga, tiro con arco, música tradicional, chourizos e mexillóns á noite... Hai un pouco de todo.
-¿Cantos cabalos se baixaron este ano?
-Pois creo que son 98, non foi moi complicado localizalos porque todo o ano xa os temos moi controlados, e ademais hai xente moi preparada.
-¿Vostede métese no curro tamén?
-Si, por suposto. A min dáme máis medo a xente que mira para min que os propios cabalos, sempre me pasou. Non sabería dicir os anos que levo, porque case toda a vida, houbo algún ano que faltei, pero arredor de 15 anos ou así si levo participando dende dentro do curro. Hai anos que che sae mellor e anos que sae peor. Aí non sabes o que vai a pasar, só sabes que tes que agarralo.
-¿De onde lle vén o amor polos cabalos?
-Vén dos meus antepasados, dos meus familiares. Meu avó tiña cabalos no monte, meus tíos, tamén. Sempre fun criado niso, se non había no monte había na casa, e no monte había tamén. Despois foron desaparecendo porque os foron vendendo pero agora estamos intentando recuperalos. Antes eran de particulares e daban máis problemas, pero agora cunha asociación de arredor de 200 socios estamos intentando recuperar iso, os cabalos no monte.
-¿Cantas persoas participan na organización da rapa?
-Xusto non o sei, pero sobre 100 persoas. Son xente do pobo, e ademais xa sabe todo o mundo o que ten que facer, o que ten que cociñar xa sabe que vai cociñar e así con todo, non fai falta que ti lle digas nada. Está moi ben organizado, nós somos 6 na directiva, pero somos un número moi pequeno, se non é por esa xente toda que xa sabe de ano tras ano o que ten que facer non sería posible.
-¿Moitos nervios estes días?
-A verdade é que si, moito traballo e moitos nervios, todo hai que dicilo.
-¿Con ganas de seguir organizando a rapa moitos anos máis?
-Por suposto, levamos 5 e nós seguiremos. A ver se vai entrando xente nova. Agora estamos facendo cursos de equitación con nenos pequenos alí arriba e imos fomentando o mundo do cabalo. Que non se perdan estas tradicións, hai que loitar por elas porque son cousas bonitas que temos nós e que se debe de aguantar. Unha maneira de facelo é cos cursos de equitación, aos nenos pequenos encántanlles ver aos poldros, aos cabalos no monte, fan rutas... Temos dous profesores, Raúl e Paula, que o fan moi ben, e arredor de 30 nenos apuntados.
DATOS. O sábado pasado baixáronse xa as bestas bravas ao Campo da Areosa. Como é habitual a festa dura dous días, pero a rapa celébrase o domingo despois do xantar. Este ano dende a organización estudan a posibilidade de retransmitir a rapa, para que aqueles que non consigan un sitio no curro poidan velo a través de pantallas.