Suso Fuentes inaugura esta tarde na Casa da Cultura de Vimianzo a súa primeira exposición no municipio
26 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.No seu afán por dar visibilidade aos creadores locais, o Concello de Vimianzo volve a abrir as portas da Casa da Cultura a un artista nado no municipio. Suso Fuentes Canosa (Casais, Vimianzo, 35 años) inaugura esta tarde (20.00 horas) na sala Antón Mouzo unha mostra de escultura co ilustrativo título de Pedras.
-¿Como se enfronta a esta primeira exposición ante os seus veciños?
-Xa o teño todo listo e agora estou impaciente e nervioso esperando a que se inaugure. Os nervios son normais e mesmo bo porque significan que este traballo che importa.
-¿Por que se decantou pola pedra para as súas creacións?
-Dediqueime á pedra un pouco por casualidade, porque realmente na Escola Mestre Mateo fixen tres anos de especialidade en madeira e só dous en pedra, pero saiume un traballo en Barcelona para restaurar patrimonio, no palacio da Generalitat, no ano 2003, e foi entón cando me empecei a namorar máis profundamente dela. Cando un empeza, e sobre todo cando un está aínda estudando, non sabe moi ben a que se vai a dedicar realmente, pero pouco a pouco a vida vaite levando por onde ela quere.
-Recentemente inaugurou un busto dedicado a Carmen Neira Marcos. ¿Haberá máis creación dese tipo na exposición?
-Non haberá só bustos, pero eu son un escultor basicamente antropomórfico, todo o que fago é figura humana. Fago corpos enteiros, fragmentos que poden ser mans ou torsos. A miña inquietude está sempre relacionada co corpo humano.
-Combina a escultura coa cantería. ¿É moi complicado vivir só da arte nestes tempos?
-Así é. Esa é xusto a explicación de porque me dedico tamén á cantería. A miña vocación é ser escultor e gustaríame vivir disto, pero a cantería tamén é un oficio moi nobre e que me gusta moito.
-Semella que cada día a pedra á máis apreciada.
-Si que o noto, sobre todo a nivel de particulares. Houbo unha época en que incluso se tapaba a pedra, pois había quen pensaba que era como un símbolo de pobreza ou de atraso, pero agora está volvendo a recuperar o lugar que lle corresponde, porque se pensas na pedra, e sobre todo en Galiza, acompáñanos desde sempre e é un material estupendo. As modas van pasando, pero a pedra permanece.
-Pero si hai edificios de pedra que se perderon en décadas pasadas.
-Así é como se pode ver nas fotos antigas. Hai algún pobo no que se preocuparon un pouco máis, como por exemplo Muros, pero outros moitos cascos históricos perdéronse e esa é a nosa pena, porque non podemos volver atrás. Nesa época dos 40 anos de sombra a xente non tiña nin voz nin voto e nos anos 60 sobre todo houbo o bum da construción en cemento co que aquí se fixo unha barbarie.
-Está xa superada a época das desfeitas.
-Eu creo que non, sobre todo cando os gobernos de turno van cambiando as normativas. Hai máis conciencia, pero aínda non é abondo.
-¿Que hai máis: construción nova en pedra ou rehabilitacións?
-Hai máis rehabilitacións, porque a xente estase dando de conta do valor que teñen as casas vellas.
-¿Como é o traballo dun canteiro ao abordar unha desas rehabilitacións?
-O primeiro é mirar en que estado se atopa a casa, se ten danos estruturais ou tirar algún muro, e en caso de que non haxa, pois comezar desde onde está.
-¿Como valora que o goberno vimiancés dea a coñecer aos artistas locais?
-Paréceme máis que ben, é unha ledicia. Facía moita falta porque os artistas estabamos orfos e ser profeta na túa terra é o mellor que che pode pasar.