Falan os Bos e Xenerosos 2021: «Este é un recoñecemento que está cheo de verdade»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Xurxo Souto
Xurxo Souto SUSO PENA

Xurxo Souto, Elena Ferro e Quique Peón recibirán venres, sábado e domingo, respectivamente, os galardóns que entrega a Fundación Eduardo Pondal no seo das Festiletras

01 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tres serán os Premios Bos e Xenerosos que a Fundación Eduardo Pondal entregará nesta edición 2021 das Festiletras. Xurxo Souto, Elena Ferro e Quique Peón recollerán os seus galardóns venres, sábado e domingo, respectivamente.

«Unha sorpresa, un orgullo e unha sensación marabillosa de cariño, porque quen me nomea Bo e Xeneroso son persoas ás que quero dende hai máis de trinta anos. Xa cos Diplomáticos percorremos Galiza e coñecemos grandes escenarios e tamén asociacións marabillosas coma estas do Couto, Monte Branco e Fundación Pondal. Falo, pois, dunha relación de amizade e de admiración, compartimos esas ilusións tan grandes», di o primeiro deles, Souto, polifacético, pero sobre todo, como el se define, «unha persoa asombrada», admirador da diversidade e da riqueza cultural galega.

Do Couto lembra con cariño experiencias con Calviño de Tallo, Pazos de Merexo, Manuel María ou Kepa Junkera. Tamén ten na memoria o son da Quenlla «sen amplificación». «Aí hai moito traballo. Unha aldea pequena que é capaz de converterse nun centro dinamizador da cultura a nivel dos máis importantes de Galicia», abunda. «Calquera recoñecemento é importante, pero este está cheo de verdade. O que significa Monte Branco e a Fundación Pondal é un compromiso verdadeiro coa cultura do país. Unha aldea pequena que se ilumina grazas ao esforzo dos veciños, á súa implicación. Polo tanto, este premio é a honra das honras, inmerecida, pero que me trae unha inmensa felicidade, porque no Couto vese que o importante é que cando decidimos crear en colectivo, en comunidade, dáse unha lección de como debe ser a vida cultural: non é cuestión de orzamento, de diñeiro nin de subvencións, senón unha cuestión de amor, de amor pola cultura», valora Xurxo. Menciona o Festiletras non como un festival que atraia talentos, senón como «produtor de talentos»: «A cultura centenaria e milenaria de Bergantiños está aí, viva, e proxéctase cara o futuro. É o caso de Lupe Blanco. A regueifa parecía unha cousa do pasado e aí está ela, que trae unha regueifa de futuro e en clave de muller, pero coas melodías dos vellos regueifeiros de Bergantiños», afirma Xurxo. Se honrado se sente polo recoñecemento, máis aínda por compartilo con quen o fai.

miguel souto

A Elena Ferro, segunda das premiadas, defínea como unha artista revolucionaria. Para el, o símbolo mesmo do Couto: «A tradición, os zoco tradicionais, a madeira e o coiro, que se converten nun elemento de vangarda, pero con identidade galega, algo que nos fai ser únicos». A artesá Elena Ferro, presente e futuro de Eferro, tamén se recoñecía este martes moi feliz polo acto do sábado. «É un premio que recollerei en nome do noso taller, e penso realmente que non hai outro máis bonito ca este, toda unha honra». Fala ela, tamén, do vínculo coa aldea pontecesá. Van aló case tres decenios de colaboración continua, asistindo ás Festiletras: «Xa somos como da familia e moitos dos amigos que hoxe teño por aí son grazas a este encontro». Ferro quere trasladar o seu agradecemento a toda a veciñanza, por facer o que fai pola cultura galega e por deixar probado «que a unión fai a forza». «Todo ese traballo que fan, e sen renderse nunca. Ese apoio á artesanía, a música, a toda a cultura en xeral», incide. Este vindeiro domingo volverá a haber mercado artesán no Couto e alí estarán os zocos de Eferro.

ANA GARCÍA

Finalmente, e doutro lado, Quique Peón recollerá o seu Bo e Xeneroso o domingo. A súa relación co Couto non foi tan continua como a de Ferro, pero aínda así coñece ben estes escenarios e, sobre todo, a riqueza de Bergantiños, onde tivo bos e boas ensinantes. «Recibirei o galardón como un honor moi grande, porque me parece estupendo que se premie a alguén que se dedique ao folclore tradicional de Galicia: xeralmente somos os máis esquecidos», dicía onte. En calquera caso, entende o recoñecemento non como algo particular del, senón dun xeito colectivo, «para todo o mundo que, coma min, se dedica a mirar polas nosas tradicións máis íntimas, aquelas que nos identifican como pobo, máis alá do idioma». Agradecido por se teren acordado del, confirma que, como Souto e como Ferro, alí poderá estar, feliz ademais, de que este premio chegue da verdade, da esencia, non dunha ou outra nominación particular.

Tres tardes, pois, para premiar o traballo en prol da comunidade.