Impulsan unha recollida de firmas en Change.org pola situación política que atravesa o municipio
21 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Somos un grupo de veciños de Ponteceso que non se rexen por ningún partido ou idea política, senón que estamos comprometidos e preocupados polo pobo, no cal pasamos as nosas infancias e continuamos a día de hoxe gozando.
Creamos unha recollida de firmas virtual na plataforma change.org para intentar mostrar o noso malestar ante a situación que se está a vivir no noso Concello dende hai semanas. Como somos coñecedores de que dos máis de 5.500 veciños de Ponteceso, non todos teñen acceso, decidímonos a explicar brevemente as causas e os obxectivos deste movemento.
Vistas as actuacións constantes de agravio, o rexeitamento do pago de facturas a autónomos e rematando coa lamentable decisión de non aprobar no pleno o POS, tras tres fracasados intentos, consideramos que se acadaron límites que nunca se deberían haber chegado, xa que demostran unha nula capacidade de diálogo para acadar acordos que son beneficiosos para o pobo.
Todos eses cartos que non se pagaron e se deixan de percibir repercuten directamente nas nosas vidas, xa que se perden postos de traballo, obras, servizos... Que son necesarios ou melloran as infraestruturas e o funcionamento de Ponteceso. Por culpa dos concelleiros e concelleiras que eliximos como os representantes do pobo, non imos poder recibir, e parécenos totalmente fóra de lugar.
O noso obxectivo é exercer presión para que impere o sentido común e a responsabilidade. De non ser así, apelamos a conciencia veciñal para facernos oír e non permitir esta agresión, xa que non merecemos este trato tan lamentable e irresponsable por parte dos nosos dirixentes, a quen parece que necesitan que lle recordemos que o pobo foi quen os puxo aí. E para iso, necesitamos que o pobo alce a voz.
Necesitámoste a ti, que estás lendo isto, para poder rematar con esta situación dunha vez por todas. Que nos escoiten. Que estamos fartos de que miren polos seus intereses. Que prioricen as súas diferenzas persoais e deixen a un lado o que debería ser o seu obxectivo: buscar o mellor para Ponteceso. Si estás de acordo con isto, nos próximos días terán a posibilidade de firmar nalgúns locais de Ponteceso este escrito. Únete á causa e demostremos que podemos ser un pobo unido! Xurxo Souto, Lorenzo Amado, Iago Fernández, Daniel Valle, Laura Amado, Sinaí Varela e Sergio Fariña. Somos máis de Ponteceso que Pondal.