A comunicación como aliada

adriana r. eiroa

PONTECESO

ANA GARCIA

«Pasou de ser unicamente a miña paixón persoal a converterse no meu medio de vida», escribe Adriana R. Eiroa

28 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde ben cativa sentín unha atracción especial polo mundo das letras, tanto na súa expresión escrita como oral. Xa durante a infancia, e máis tarde na adolescencia, comecei a devorar libros, todos os que podía; ata o punto de retar a un compañeiro de pupitre para ver quen conseguía acabar de ler antes os 33 volumes que compoñía a colección de literatura infantil de moda nos anos 90, Los Hollister. Faltábanme horas no día para avanzar na lectura, pero finalmente conseguín gañar o reto. Do mesmo xeito, durante anos recollín os meus avatares cotiás nun diario, ao tempo que disfrutaba intercambiando cartas coas miñas compañeiras do colexio no transcurso dos estíos. Non obstante non só alimentaba a miña curiosidade a través do consumo de letras, senón tamén dun goteo de preguntas incesantes sobre todo o que para min era descoñecido. Ben o sabe miña nai!

Formada en letras

Como non podía ser doutra maneira, á hora de elixir rama de formación académica decanteime polas letras; e no momento de escoller carreira universitaria, Dereito foi a que saíu gañando. A insistencia dos membros da miña confianza en que cursara unha licenciatura que tivera a maior saída profesional dentro de «letras puras» levaron a matricularme nela. Trasladeime da miña Ponteceso natal á Coruña para estudar unha carreira que, unha vez rematada, dinme de conta de que non me procuraba toda a satisfacción persoal que podía prever a priori. No meu interior sentía que tiña que cambiar o meu rumbo profesional e iso supoñía seguir formándome. Así que ao ano seguinte xa me estaba matriculando no Máster en Edición Xornalística de La Voz de Galicia, un dos períodos máis proveitosos e gratificantes da miña vida polo coñecemento adquirido.

ANA GARCIA

A partir de aí, a comunicación nas súas diferentes expresións pasou de ser unicamente a miña paixón persoal a converterse ademais no meu medio de vida. Con 24 primaveras ás miñas costas tiña claro que quería dedicarme a «contar e escribir historia», a «compartir coñecemento», a «transmitir información», a «organizar eventos cunha fin persuasiva» e a «tender pontes a través da comunicación». Nestas tarefas levo inmersa desde aquel momento. Compostela foi o meu primeiro destino como xornalista en prácticas e o diario La Voz de Galicia o meu primeiro centro de traballo nun verán, o do Ano Santo 2004, no que os «noveles» nos distribuíamos a sección das Crónicas peregrinas consumadas diariamente na Praza do Obradoiro e a cobertura informativa dos concertos organizados no Monte do Gozo con motivo de tal efeméride. Daqueles tres meses recordo con cariño todo o que aprendín de grandes profesionais, especialmente de Nacho Mirás, un «rabudo» extraordinario, ao o que a vida lle foi arrebatada demasiado pronto.

E de periodista nun medio de comunicación a xornalista en gabinetes de prensa ata a actualidade. De La Voz de Galicia á Secretaría Xeral de Medios do Goberno autonómico durante a última lexislatura de Manuel Fraga. Alí aprendín a elaborar as miñas primeiras notas de prensa -nunha época na que aínda se remitían aos medios a través dun número de fax-. A seguinte experiencia laboral vivina en Octo Comunicación, unha empresa que me permitiu seguir formándome no ámbito do asesoramento en comunicación ás empresas. ademais de explorar un eido novo para min como era o da elaboración de publicacións. Posteriormente tiven a oportunidade de contribuír a promover a educación ambiental nos distintos ámbitos da sociedade desde o departamento de prensa do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación ambiental de Galicia (CEIDA). E xa no 2010 comecei a traballar na Asociación de Prensa de La Coruña, unha actividade que compatibilizo desde hai un tempo coa de responsable de comunicación da Confederación de Empresarios de Galicia.

Mais como me gusta explorar novos campos, decidín formarme en mediación, un método de resolución de conflitos alternativo ao xudicial no que, por suposto, o emprego dunha comunicación eficaz ten moito que ver. Así as cousas, o destino quixo que me cruzara no camiño con tres compañeiras que tamén cren nas vantaxes deste sistema e xunto con elas acabamos de constituír unha cooperativa, Acorda Soluciona, para ofrecer este servizo. Abofé que nela terei a oportunidade de facer o que sempre me gustou, comunicar.

DNI. Adriana R. Eiroa. Adriana R. Eiroa é pontecesá, do ano 79, vicepresidenta da Asociación de la Prensa de A Coruña. Tivo a oportunidade de escribir artigos para a revista GEO e Pazos de Galicia, ademais de para o blog de viaxes www.equipaxedeman.com, sobre outra das súas paixóns, viaxar. Aparte do de mediación, na cooperativa da que forma parte, Acorda Soluciona, ofrecen os servizos de asesoramento xurídico e comunicación empresarial.