«Se queres saber quen son...»

Luis Giadás

PONTECESO

Achega á biografía de Leonarda de Tallo, afamada regueira. Carmen Eiroa recolle o seu testemuño: presenta libro o domingo

20 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

?Non lle preguntes a outro: / Son da parroquia de Tallo, / Leonarda Fuentes Couto».

Nestes versos improvisados, se autopresenta Leonarda de Tallo, afamada regueifeira de comezos do século XX. Malia ser recurrentemente citada nas diversas investigacións sobre esta arte popular -por ser das escasas mulleres que desafiaron ós homes enriba dos camaríns- pouco sabemos da súa vida.

Os anciáns da parroquia pontecesá de San Andrés de Tallo vagamente lembran unha vella bastante alta, de voz fonda, que moraba nunha caseta, enfronte das Torres, propiedade de Carmen Varela: humilde era a súa vivenda, de forma rectangular, porta de dobre folla e unha soa ventá, dividida -de esquerda a dereita- en leñeira, alcoba e lareira. Ramón, veciño das Torres de Tallo, evoca as súas lembranzas: «Andaba a xornal e morreu moi maior, coidada por toda a parroquia, que lle traía de comer. Eu tería uns cinco anos cando me deixaban a cargo dela, namentres a miña familia ía traballar ó campo».

Outra veciña da igrexa de San Andrés de Tallo, Ramona de Estramil, de noventa anos, nárralle a Carmen Eiroa Barreira o seguinte: «A Leonarda tiña unha taberniña cunha botella de anís, outra de Sansón e outra de caña. Con esas tres botellas ía ás festas de campo cunha cesta na cabeza: Santa Margarida de Baneira, Santa Mariña de Corcoesto e San Bernardo da Graña». Por iso, A Negra -como se autoalcumaba Leonarda, por ter a faciana morena- copleaba: «Miña Santa Margarida / miña Santa Margarida, / se a caña non sube a costa, / a Negra vese perdida».

Lémbranos Carmen Eiroa: «Solteira e sen fillos, a Leonarda traballara a xornal para os labregos da parroquia e era tan pobriña que, cando morreu, as veciñas déronlle a roupa de defunta e sepultárona na terra».

Grazas á amabilidade de Fernando Pérez Crespo, párroco de Tallo, e de María Dolores García Suárez, coñecemos algúns datos máis da vida desta regueifeira: faleceu no seu domicilio a consecuencia de debilidade senil, sendo as dezaoito horas do día 17 de novembro de 1937, ós 86 anos de idade. Era filla de Joaquín Fuentes García e de María Couto, domiciliada no Lugar de Tallo, de profesión pobre, solteira, sen sucesión. Non outorga testamento. O médico que certifica o seu deceso é o soado Antonio Ángel Longa.

Retrocedendo no tempo, no padrón de 1889, figuran: Joaquín Fuentes García, nacido en Langueirón o 2 de decembro de 1816; José Castro Martínez, nacido en Cores o 2 de agosto de 1852; Josefa Fuentes, nacida en Tallo, o 13 de febreiro de 1846; Leonarda Fuentes -a nosa biografiada-, nacida en Tallo o 3 de xullo de 1859, de 29 anos de idade, segundo aquel padrón; María Castro, nacida en Tallo o 15 de agosto de 1878; e Carmen Castro, nacida na mesma parroquia, o 22 de novembro de 1880.

No padrón de 1898 figuran: Joaquín Fuentes García, de 82 anos, viúvo; Leonarda Fuentes Couto, de 40; María Castro e Carmen Castro Fuentes, de 20 e 18 anos respectivamente, que figuran como netas de Joaquín.

Coincidindo co Día da Oralidade e recollendo o testemuño de Leonarda, Carmen Eiroa Barreira, de Pardiñas, presentaranos o domingo 22, ás cinco da tarde, na biblioteca municipal de Ponteceso, o seu feixe de poesías, titulado Vivencias.

¡Acudide, que teredes de agasallo esta obra!

Sobre a presentación

Carmen Eiroa. Presenta libro este domingo. A biblioteca municipal de Ponteceso acollerá este vindeiro domingo, ás 17.00 horas, a presentación do libro «Vivencias», da autoría de Carmen Eiroa, veciña do lugar de Pardiñas. Carmen escribe poesía dende hai tempo e a Fundación Eduardo Pondal non quixo desaproveitar a oportunidade de editar unha obra coas súas creacións, co cal colabora economicamente a Deputación. Precisamente nalgunha desas poesías Carmen tamén fala de reguefeiros. Os que queiran coñecer máis sobre ela e sobre o libro só teñen que achegarse o domingo ata Ponteceso, onde tamén haberá varios pequenos que recitarán versos e incluso interpretacións musicais.