«Sacar este primeiro tema é un soño feito realidade»

Amelia Ferreiroa LALÍN / LA VOZ

PONTECESO

Ines Varela Gomez

A artista filla de cormelán e zasense edita «Sinvergüenza», con moito éxito na Rede, e para o que se poden facer doazóns

29 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A cantante lalinense, de pai de Corme e nai de San Cremenzo de Pazos (Zas), Paula Sueiro, acaba de colgar na Rede o seu primeiro tema en solitario. A canción chámase Sinvergüenza, comeza a soar con insistencia, e agarda de poder facerse un oco no complexo e difícil panorama musical, no que xa vai collendo experiencia, ademais da súa participación televisiva en Luar.

-O camiño ata este primeiro tema sería duro. ¿Satisfeita?

-Foi duro e nada barato, pero sacar este primeiro tema é un soño feito realidade. Grazas a miña nai que, como agasallo de aniversario, financioume a gravación deste tema. Certo é que para ser o tema lucido precisa dun videoclip, que tampouco é nada barato, e niso ando agora mesmo.

-Unha grabación de videoclip que pretende facer con doazóns particulares.

-O crowdfunding é algo que se emprega a cotío e eu tamén me apuntei xa que para gravar un videoclip hai que falar como mínimo de mil euros. Aqueles que queiran colaborar, e espero que sexan moitos, serán benvidos.

-¿Están perfiladas as localizacións do vídeo e o fío condutor?

-Polo de agora non. Pensamos que o primeiro é contar co diñeiro, se é que o conseguimos e logo xa pensaremos nas localizacións. Primeiro teño que ter claro que podo pagar o videoclip. Cada cousa no seu momento.

-Pero semella que as cousas pintan bastante ben.

-Non hai queixa. Certo é que subín á páxina de crowdfunding o tema e en media hora xa se recadaran 75 euros. Se isto continúa con esta boa acollida e velocidade pois, ao mellor, é posible gravalo.

-¿Cando expira o prazo marcado para pechar as aportacións?

-Na páxina é preciso establecer un prazo para acadar a meta fixada e eu puxen como tope 90 días para xuntar mil euros. Se segue así ao mellor faise antes.

-¿E como van as descargas?

-Tamén ben. Mellor do que me imaxinaba nun comezo. Con só vintecatro horas colgado o tema na rede xa se produciran 900 descargas e reproducións. Estou emocionada e agradecida polos moitos apoios que estou a ter.

-¿Que quere transmitir con Sinvergüenza?

-É unha canción que fala de superación pero que, para cada quen ao escoitala, posúe un significado e unha orientación diferente.