Muxía incorpora a Isi como presentador do seu concurso de disfraces

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

MUXÍA

Isi é actor e humorista. Será el quen presente o concurso do sábado 14 en Muxía
Isi é actor e humorista. Será el quen presente o concurso do sábado 14 en Muxía ANA GARCIA

Será o sábado 14 de febreiro nun entroido que, din dende o Concello, sobe de nivel este ano

27 ene 2026 . Actualizado a las 23:55 h.

Vén de presentar o Concello de Muxía a programación do seu entroido, cita que trasladan plenamente consolidada no almanaque festivo local e para a que este 2026, informan, darán un paso máis. Así, incorporan ao humorista Isi como presentador do concurso de disfraces, que será o sábado 14 de febreiro, ás 18.00 horas, no pavillón. Unha cita coa participación veciñal e a tradición que se fará acompañar de degustación de orellas e filloas. Sandra Vilela, edila de Cultura, explicou que o entroido «sobre de nivel» este ano, «cun presentador coñecido polo gran público, que garante diversión, dinamismo e unha posta en escena á altura do que merece Muxía». Tamén ela incidiu na existencia de programación para todas as idades. 

Javier Sar e Sandra Vilela, co cartel do entroido 2026
Javier Sar e Sandra Vilela, co cartel do entroido 2026 .

Javier Sar, alcalde, falou de identidade, e de como se mantén a esencia no programa, de par de actos que son novidade. Nese senso, destacou o Enterro do Percebe do mércores 18 de febreiro, co que poñerán fin na vila ao carnaval. Incluirá un percorrido de cortexo fúnebre polas rúas, queima e chocolatada popular. «Unha celebración única que define o espírito festivo e mariñeiro de Muxía»: saída do Edificio da Camposa ás 19.00 horas. 

Baile social coa actuacion de Marietta o domingo 15 (18.00, sala Gervasio Sar), un taller de máscaras venecianas o luns 16 (17.00 horas, sala Gervasio Sar) e outro de receitas entroideiras coa ANPA O Facho (17.00, sala Gervasio Sar) completan o cartel en Muxía. Para os dous obradoiros, o prazo de inscrición rematará o día 12. Ha de facerse na biblioteca e as prazas son limitadas. ¡Non agarde ata o último día!