A primeira das paradas será este vindeiro sábado, co Grupo Municipal de Teatro de Ames, para adultos
15 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Rematou o Nadal, mais as propostas culturais e de ocio non conclúen en Muxía, onde o Concello, co apoio da Deputación, vén de anunciar tres citas para este presente mes, aglutinadas no ciclo «Xaneiro Vivo». As dúas primeiras serán teatro, mais para públicos de idades distintas. A primeira das propostas vai destinada a adultos e chegará da man do Grupo Municipal de Teatro de Ames, que ofrecerá este sábado, ás 20.00 horas e no Salón do Voluntariado, a función O soño dunha noite de San Xoán. Dirixe Artur Trillo, ben coñecido por estes lares, e a obra é unha das máis emblemáticas de Shakespeare e tamén do teatro universal.
A Xanela do Maxín, en segundo lugar, chegará o 24 de xaneiro cunha de teatro familiar: 18.00 horas, no Salón do Voluntariado. Poderán os asistentes gozar de Supercoroza, na eira e na lareira.
Finalmente, para o día 31, na lonxa de Muxía e ás sete da tarde, quedará a presentación dos álbumes ilustrados Nación Mar e Nao Cetácea, do ceense Xosé Iglesias.