Iago Toba, alcalde de Muxía: «O circuíto Correndo pola Costa é un atractivo máis da comarca»

Antón Lestón
antón lestón CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Toni Longueira

Tamén concelleiro de deportes, avanza detalles sobre a proba que se desenvolverá nesta localidade o domingo

15 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao igual que pasou co Gran Fondo Ézaro, a pasada fin de semana, Muxía volverá converterse este domingo nun dos centros deportivos de toda a comarca. O Concello acolle a oitava proba do Circuito Correndo Pola Costa da Morte, e alí estará Iago Toba, alcalde e concelleiro de deportes, pese a que aínda non se atreve a participar...

—Que supón ser sede deste circuíto?

—Unha alegría inmensa, sobre todo. Porque como con outras moitas cousas, é algo que volveremos facer despois de dous anos moi duros. Ademais, o circuíto é a mostra do que podemos conseguir cando traballamos conxuntamente pola nosa comarca, ata o punto de que se converteu nun atractivo turístico máis da Costa da Morte. Teño moitas ganas de vivir o gran ambiente que vai a haber.

—É máis, en verán...

—Claro! Porque é cando temos os pobos máis abarrotados de turistas. E neste caso, non son turistas, pero si uns visitantes que coñecen ben a nosa zona e que de seguro van gozar facendo deporte nun entorno paradisíaco.

—É máis difícil facelo nestas datas?

—Si, é máis complicado no sentido da organización por haber máis visitantes. Pero asegurámonos unha climatoloxía agradable e facilitamos que poida vir máis xente, porque hai moitas persoas, que pasan o verán aquí e que so compiten nas citas destes meses, polo que canta máis participación, mellor. Nós estaremos alí dende primeira hora para axudar.