O efémero

Patricia Blanco
Patricia Blanco EN PEQUENO

MUXÍA

11 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Seica algúns estudos profesionais teñen concluído o efecto beneficioso da cercanía do mar na mente humana. Serán os argumentos fondos, e acreditados doutro xeito, mais cando un se achega á beira de Caión, á de Vilán ou á de Muxía, podería simplificalos en que, por moito que se faga un mundo de si mesmo, non é ninguén. O mar é un poderoso antídoto contra o efémero e o particular, un dos principais males do mundo moderno. Por moitos problemas que un lle leve, el segue alí, perenne, batendo e lambendo nas rochas con máis ou menos forza. E, se un nos llos leva, segue igual. O espectáculo permanece. Parece que a actualidade hoxe se move a golpe de tuit ou mesmo de titular. Que quen que non tuitea non existe, que para todo hai que ter gancho. Nesta última semana, falouse da alerta pola dependencia das novas tecnoloxías nos máis novos. Ou do perigoso da burbulla emprendedora. Se un lle fai caso aos chíos e aos gurús, non vive. Porque todos saben de todo, todos opinan e todos teñen teoría propia. Un ha de ir co mundo e aínda nese contexto resulta difícil de entender (e combater) levantar a cabeza do móbil e ver que todos os que comparten parada de bus están igual, vivindo na pantalla. Un é un máis. ¿Que pasará? Os temas acadan actualidade momentánea, pasaxeira, e de fondo, coma o mar, ¿que permanecerá? ¿Que función terán esas novas tecnoloxías? ¿Dominarán? Todo vai tan acelerado que un a veces precisa da paradigmática inmobilidade do mar. A Costa da Morte é un refuxio para testar aquilo que escribira Ramón Sampedro: que para voar se precisan ás e, para camiñar, un corpo que nos leve ata onde os soños queiran chegar.