«'Mens' é un disco de agradecemento ás pandeireteiras»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO/ LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Icía Varela, durante un concerto
Icía Varela, durante un concerto Marcos Mi­guez

Icía Varela presenta este sábado o seu novo traballo, primeiro dunha colección de homenaxe

19 dic 2025 . Actualizado a las 20:35 h.

Nesta recta final de ano seguen as cantareiras a dar alegrías. O Concello de Malpica programou para este sábado 20 de decembro, 17.30 horas, un tributo ás Pandeireteiras de Mens, cita clave no programa de Nadal no que tamén se inclúe ese día, ás 19.00 horas na igrexa desta parroquia, a presentación do disco Mens, da malpicá (de Cerqueda!) Icía Varela. Falou en Radio Voz:

—Menudo 2025! Dous libros publicados, «Cantareiras» e «Pandeireteiras», e agora disco.

—En certa maneira tíñao programado, pero nunca pensei que fora ser tan intenso todo. Superou as expectativas. Todo saíu marabillosamente, a xente acolleu o libro incluso mellor do que esperabamos e agora este disco é un agasallo de Reis que chega adiantado.

—Sempre estivo orgullosa da raíz, da pandeireta, mais que diría que aportaron as Letras Galega deste ano neste sentido?

—Fíxonos reflexionar sobre unha lingua e cultura propias que debemos coidar. Sabiámolo, pero penso que chegou a esa xente que igual non participaba tanto da pandeireta ou da música tradicional.

—No seu excepcional 2025, tamén a viaxe a Xapón que vén de facer, levando a cultura galega.

—Veu todo a través de Haruna, unha rapaza do Xapón que viviu 10 meses en Camariñas, alumna miña de pandeireta. Embarcámonos a Hashimoto, onde vive, eu e máis outras dúas alumnas, xa amigas. Aínda non fai un mes que chegamos e xa nos están chamando para que volvamos. Imaxina o impacto que ten a nosa música! No concerto central eran 600 butacas, todos cheas, e moito interese. Demos clase de baile, de pandeireta... Sen entendermos o que falabamos, marcharon bailando uns puntos de muiñeira e cantando unha peza.

—E que nos agarda agora neste seu primeiro disco en solitario? Que ofrece en «Mens»?

—É o primeiro dos moitos que teño pensado en homenaxe a elas, ás pandeireteiras. Tocoulle agora ás de Mens, co gallo das Letras, pero será toda unha colección de agradecemento a todas as que me ensinaron o que hoxe son. Non é un disco perfecto, é un disco humilde, baixo, voz e pandeireta, moita voz e pandeireta para conservar a realidade da tradición, do que me transmitiron. Foi un ano de traballo, físico e sobre todo mental.

—Peche perfecto a un ano do máis festexado e vivido.

—Con permiso de todos os homenaxeados nos anos precedentes e de todos os que virán, para min o ano destas Letras foi algo histórico. Non se vai volver repetir o impacto que tivo en todos os galegos e galegas. Ao final foi unha homenaxe que en certo modo nos tocou a todos e todas, en toda Galicia hai pandeireteiras e, por máis que se personificase en tres zonas, ao final foi un tributo común.

—E despois deste sábado, que?

—Mover todo isto! Xa temos mesmo data para volver ao Xapón, neste caso a presentar o disco. Será en outubro. Pero antes, este Nadal, tranquiliño, na casa, en Cerqueda. Tocaba descansar a cabeza [ri].

Tributo e placa para as Pandereteiras de Mens, con Carcaxía, Malante e Raigañas

Cumprindo cocompromiso adquirido meses atrás, o Concello de Malpica renderá este sábado 20 de decembro unha nova homenaxe ás Pandeireteiras de Mens, unhas das protagonistas dasLetras Galegas 2025. Así, ás 17.30 no centro sociocultural desta parroquia, colocarase unha placa conmemorativa e actuarán as asociacións tradicionais do municipio: Carcaxía (Seaia), Malante (Malpica) e Raigañas (Cerqueda). Será xusto antes da presentación do disco Mens, de Icía Varela (19.00). Con este acto de tributo, todas as cantareiras destas Letras pasan a ter placa na súa terra ou casa natal: Eva Castiñeira (Agranzón, Muxía), Rosa e Adolfina Casás (A Vila da Igrexa-Cerceda) e as Pandereiteiras de Mens (Malpica).