Entroido, festa e reivindicación

Caridad Camarero CARBALLO / LA VOZ

LAXE

CariCa, Caridad Camarero, coa súa obra «Coralia e Maruxa», hai un par de meses
CariCa, Caridad Camarero, coa súa obra «Coralia e Maruxa», hai un par de meses ANA GARCÍA

11 feb 2026 . Actualizado a las 23:47 h.

O sábado, en tódalas vilas da Costa da Morte, celebramos un ano máis o entroido con orellas e filloas a esgalla. Hai nada gozamos dun Nadal de gasto e enchentes. Participaremos na festa con ledicia mais con sentimentos encontrados.

Escoito o discurso do presidente da Cámara de Representante de EE.UU xustificando a represión e as barbaridades contra a poboación inmigrante facéndoa responsable de tódolos males da sociedade norteamericana. Estas noxentas xentes do sur xustifican as redadas migratorias, as invasións e os xenocidios dos pobos. Fala cun discurso tendencioso que estamos obrigadas a crer porque ven de xente seria con traxe e garabata. Aínda sospeitando dos seus embustes, merece a nosa confianza porque representa a unha democracia modelo, sendo un sistema que protexe aos poderosos e nega a xustiza aos deprimidos e aos pobos que sofren abusos do poder.

Como cidadá sinto impotencia porque non son allea ao mal que atinxe a outros. A pena sen acción é un xeito de silencio que nos fai cómplices e da carta branca aos depredadores.

Ser sensible á dor é unha cuestión ética. As persoas que tivemos a fortuna de vivir na abundancia sentimos desacougo por ver o que pasa ao noso arredor nun mundo inxusto, espoliado e coa riqueza mal repartida. Obríganos o que pasa en terras por baixo da liña que nos protexe do sur: Sudán, Palestina, Iemen, Malí, Congo e Haití por non falar de Myanmar, Siria, Afganistán, Nixeria ou Etiopía, países que experimentan graves crises humanitarias, alimentarias e conflitos armados.

En Palestina tense denunciado o uso da fame como arma de guerra e asistimos a un xenocidio en curso, con centos de miles de mortos e desprazados.

Os que vivimos na sociedade da abundancia, que gozamos de tódalas comodidades temos certa culpa por pertencer á sociedade do privilexio máis, se non reflexionamos, somos posibles clientes dun aloxamento turístico na Franxa de Cisxordania.

Eses pobos que coñecemos a través dos medios están reclamando axuda e piden a gritos que non nos esquezamos do seu sufrimento. Temos a obriga moral de ser a súa voz porque están dando a vida por defender o seu.

Por iso estamos na festa, reclamando a atención da veciñanza, na procura de crear unha conciencia cidadá que obrigue aos nosos dirixente a facer políticas proteccionistas . No 2026 a humanidade tiña que ter aprendido que a guerra e a fame só traen sufrimento aos pobos e riqueza aos poderosos, e deben desaparecer como forma de resolver conflitos.

Como o Carnaval sempre foi un espazo de encontro entre o divertimento e a reivindicación estaremos na festa en Laxe o dia 14 a partires das seis da tarde cunha comparsa Por Palestina para dar voz aos irmáns que piden a gritos a occidente non esquezamos que padecen un verdadeiro exterminio. Participar e ser solidarios como cidadáns de a pe é todo o que podemos facer. Achegarse e unirse á charanga coas roupas de cada día, e así representar a tantas vítimas anónimas que non poden gozar, desexando que pronto podan sentir as súas músicas de festa.

Caridad Camarero, activista e artista. Xubilada