«Co Xeoparque trátase de protexer o que temos, que non é pouco»

v. Couto / p. blanco CARBALLO / LA VO

LAXE

Xosé Ameixeiras

Considera que, convenientemente xestionado, pode axudar ao desenvolvemento local da Costa da Morte

28 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Con sede en Laxe quedou constituída este pasado luns 17 a Asociación para a Xestión do Xeoparque Costa da Morte, que non só pretende dar continuidade ao traballo do científico Isidro Parga Pondal, senón tamén perseguir o desenvolvemento sostible do territorio deste Xeoparque, con especial interese nos valores xeolóxicos, naturais e culturais. José Manuel Pato, tamén delegado en Galicia da Real Liga Naval Española, é o presidente da agrupación, á que se sumou tamén Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, así como delegado institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia. Pato falou en Radio Voz Bergantiños.

-Xeoparque Costa da Morte. Cóntenos, ¿en que consiste isto?

-O Xeoparque Costa da Morte naceu o 17 do sete do 2017 e nace en Laxe porque temos que recordar que neste municipio naceu Isidro Parga Pondal, o maior xeólogo que deu Galicia, definidor das grandes unidades xeolóxicas desta comunidade e, ademais, autor do Mapa Petrográfico Estrutural de Galicia. Aquí, fundado e dirixido por el, tivo o seu Laboratorio Xeolóxico de Laxe. A asociación pretende ese desenvolvemento sostible do territorio mediante accións e a posta en marcha de actividades cuxo valor redunden en beneficio das persoas que habitan ese territorio. Isto, fundamentalmente, é levantar economicamente a zona que atinxe ao Xeoparque. ¿Como? Potenciando as habilidades e as cousas que temos na Costa da Morte para crear riqueza, preservando o patrimonio xeolóxico. En ningún caso é unha área restritiva, como pode ser un parque natural, onde non se poden cortar certas especies ou plantar outras. Isto non restrinxe nada. Simplemente se trata de protexer o que temos, que non é pouco.

-¿E esa acumulación de setes na que naceu ten algunha razón?

-Non, é algo máis ben simbólico, por ter unha data significativa.

-¿Quen o acompaña nesta andaina do Xeoparque?

-Acómpañame un grupo de persoas de moita relevancia profesional e social, afortunadamente. O menos importante de todos eles son eu. Entre outros temos a Antón Castro, de Muxía, quen foi número dous do Ministerio de Cultura, un home que sempre está disposto a axudar, licenciado en Historia da Arte... Sobre todo é un home que coñece perfectamente a Costa da Morte e está identificado cos valores que temos aquí. Está tamén o xeólogo e catedrático Juan Ramón Vidal Romaní, cun larguísimo currículo, e a quen cando lle presentamos o proxecto ilusionoulle moito. El, director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, é o vicepresidente e pedra angular deste proxecto, porque todo o que imos facer está intrinsecamente relacionado coa xeoloxía, o fío condutor de todo o demais. Tamén temos ao arquitecto Antón García Abril, con casa preto de Laxe; a Miguel San Claudio, máis coñecido entre nós porque fixo moitos estudos do patrimonio subacuático... Todos os demais directivos teñen asemade un currículo importante, pero o mellor é que están todos dispostos a traballar e a colaborar para que este proxecto acade o que pretendemos, que é un selo da Unesco para a Costa da Morte.

-¿E por que agora?

-Isto foi un proxecto que xa ideei hai algúns anos, cando descubrín o valor que tiñan os xeoparques noutras partes do mundo. En España hai agora mesmo once. Pareceume unha boa idea. Estíveno madurando e foi hai seis meses cando me puxen a traballar cada día ata conseguir este resultado do 17 do sete do 2017.

-¿Cal diría que é o principal obxectivo deste Xeoparque?

-Penso que o principal obxectivo deste Xeoparque, e de todos, é fomentar a iniciativa privada. Este é un recurso que, convenientemente xestionado, pode contribuír ao desenvolvemento local, aproveitando as sinerxías dunha grande rede mundial como é a Unesco.

-¿Como visualizan os primeiros pasos para conseguir tal fin?

-Dunha maneira moi sinxela. Vidal Romaní está preparando unha documentación que require a organización en España; posteriormente será levada a Europa e, por último, á Unesco. É fundamental a redacción deste proxecto. Despois, os demais aportarán tamén proxectos. Estamos abertos a novas incorporacións e adhesións ao Xeoparque. De feito, xa houbo varias asociacións e particulares que se interesaron e contactaron con info@xeoparquecostadamorte.gal para solicitar información. En próximos días e semanas teremos xuntanzas.

-¿Cre que é suficientemente coñecido o patrimonio xeolóxico que temos nesta comarca?

-Bueno... Espero que a partir desta conversa sexa máis coñecido, pero tamén é certo que coas accións que estamos preparando se dará máis a coñecer. Cantas máis persoas, asociacións e concellos haxa implicados, mellor para todos. Moitos proxectos poden ter acollida dentro do Xeoparque Costa da Morte.