De súpeto, desilusión

Ramón Rivera UN LAXENSE EN LONDRES

LAXE

27 jun 2016 . Actualizado a las 00:25 h.

Sol. Verán. Venres. Londres. Combinados eses catro ingredientes, podería ser o inicio dunha fin de semana espectacular. Pero a rabia, anoxo e decepción comíanme por dentro. Mentres a miña familia e amigos se erguían o 24 de xuño esgotados tras a noite do San Xoán, eu en Inglaterra sentín estar nun pesadelo cando a BBC me deu os bos días co titular de que o brexit gañara; de que o Reino Unido deixará a Unión Europea.

O día despois do referéndum non me apetecía ir traballar coma calquera outro día. Como estranxeiro, xa non me sentía querido nun país e, especialmente, nunha cidade que ata o de agora era exemplo de mestura de culturas e razas. Algo do que presumían. Pero non o poderán seguir facendo, porque a campaña do LEAVE (marchar) baseouse predominantemente no terrorismo, inmigración e refuxiados para convencer a moitos. Mesmo xente non nacida aquí ou de pais non nacidos aquí votaron OUT (fóra) baseándose nese discurso. Non o ouvín na televisión, nin na radio, nin mo contaron. Escoiteino cos meus oídos de xente coa que traballo.

O venres non me apetecía verlles a cara a eses compañeiros de traballo ingleses que votaron LEAVE. Algúns deles, brancos, pero tamén negros caribeños e africanos, indios ou bangladesís de segunda xeración. Aínda cren na Gran Bretaña imperial. Para min converteuse, nunhas horas, na Gran Patraña internacional. Se esa xente que vive nunha cidade (teoricamente) aberta e moderna pensa así, comprendo que o OUT gañase no resto do país entre unha poboación que ronda a idade do príncipe Carlos, que se desvive pola selección de fútbol e pola raíña Isabel mentres ondean bandeiras da Union Jack, que toma té cada día ás cinco, ou no seu defecto unha pint ou un gin and tonic no pub mentres planean as vacacións en Mallorca ou Benidorm.

Negábame a crer que esa Gran Bretaña estereotipada aínda existía. Pero hai un par de días a burbulla londinenses na que eu vivía, estoupou. O complexo de superioridade deste país saíu a relucir unha vez máis.

O Reino Unido que eu tanto admiraba, que me acolleu e no que me sentín integrado, de súpeto desilusionoume, defraudoume e faime sentir coma un cheirento. A min e a moitos milleiros de persoas. Compañeiros de traballo estranxeiros que choraron ao ver os resultados. Amigos británicos que se avergonzan dese 51,9%. E un servidor que non descarta deixar este país (para mudarme a outro, non para volver ó meu Laxe querido, moi ao pesar da miña nai).

Non teño medo a que me boten deste país, porque non me poderán botar. Pero eu hei de marchar coa cabeza ben alta.

Escribo desde a rabia e frustración que me xenera unha decisión tomada, en moitos casos, inconscientemente por cidadáns que non se decataron de que isto non se cambia en catro anos. Boa parte do país quedou impactada o venres pola mañá. Tamén moitos dos que votaron polo LEAVE.

Como coa sensación de que se lles foi a man con unha broma que non ten volta atrás.