Fede Pérez: «Gústame contar as cousas como as contaban os vellos»

F. Rodríguez, P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

FISTERRA

BASILIO BELLO

Unha de humor | O mazaricán chega este sábado a Fisterra co seu monólogo «Xa que o sabes, voucho contar»

20 nov 2025 . Actualizado a las 19:00 h.

Sábado • Todo na vida vai mellor cunha dose de humor, e se de humor se trata esta fin de semana haberá que pasar por Fisterra. No Outono Cultural da asociación Rapacollón’s está previsto para este sábado —20.00 horas, no mercado cultural— un monólogo do mazaricán Federico Pérez Rey, Fede Pérez: Xa que o sabes, voucho contar (e cantar). As entradas, a dez euros, están á venda en Fisterra (establecementos Km.0, Agarimo e Noelia), Corcubión (A Gavilla), Cee (Máis Deporte e Ler Librarías) e Vimianzo (London). Falou Fede en Radio Voz:

—Todo ben?

—Todo ben dentro do malo. Como dicía o outro, todo ben, se queres cóntoche... É un bo resumo! [ri]. 

—Contar e cantar non é o mesmo, pero requiren talento.

—Efectivamente. Eu, nin para un nin para o outro. E como dicía miña nai, se non sabes facer unha cousa ben, fai varias aínda que sexa mal. Son un amante da música, e como me gusta mesturala co humor pois vou collendo cancións e póñolles a miña letra. Reviso a historia, vaia.

—E a crítica como vai?

—A xente sae contenta, rise moito, aínda que non sei de que... Se de aquilo que conto ou de como o canto. O caso é que eu son moi agradecido coa reacción do respectable.

—Que nos trae a Fisterra?

—Un pouco de todo, pero quizais o leit motiv está centrado na miña vida a través de meus pais e miña avoa. Onde nacín, onde fun medrando, onde me criei... Miña nai e miña avoa teñen unha visión moi particular da vida, e eu intento compartilo coa xente.

—As tabernas son un bo lugar para curtirse en contar contos, e no seu caso hóuboa familiar.

—Totalmente. Estaban os homes das cavernas e os das tabernas. Con estar un pouco atento había unha de ensinanzas, de contos, de formas de ser e estar, de formas de contar...! Eu para nada son un contador de chistes, pero si me gusta contar as cousas como as contaban os vellos.

—E Fisterra é case unha casa.

—Toda esa zona o é! Son moito de pateadas e de andar por aí, e sempre me tirou ir a Fisterra. Que pasa? Que nunca actuei aí e faime unha ilusión tremenda! Teño pasado por Cee, por Vimianzo, pero por Fisterra non, e por riba os Rapacollón’s parécenme xente fantástica. Todo o que moven, o que fan e dinamizan... Ninguén lle di que non a ningún auditorio, pero préstame moito estar co asociacionismo.

—Este Fede que nos chega a Fisterra en versión de cómico é tamén actor, guionista e lingüista. Como lingüista comezou todo, en «Mareas vivas».

—Exacto. Fixen Filoloxía Galega en Santiago e na serie estaba como lingüista Rosa Moledo, de Mazaricos. Facía falta unha persoa máis e así empecei. Foi o maior regalo, abriume as portas a facer despois algo que xa había tempo que me picaba, aínda sendo eu un tipo serio e introvertido. Imaxina! Miguel de Lira, Carlos Blanco, Luís Tosar, Isabel Blanco, Mela Casal, Manolo Lourenzo, o meu irmán Santi Romay...