O concurso do que reivindican como «entroido máis tradicional da Costa da Morte» retornará este ano ao martes de carnaval, por tanto 4 de marzo
20 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O anzol está botado. Xa os Concellos da Costa da Morte deron a coñecer —aqueles que os teñen— os seus concursos de entroido. Por montante global destaca, entre outras localidades, Carballo, con máis de 10.000 euros en gratificacións, case a metade en axudas pola participación. Non obstante, se por premio individual é, será Fisterra, co que reinvidican como «o entroido máis tradicional da Costa da Morte», o que ofreza de novo a maior contía: a comparsa máis votada levará nada menos que 1.700 euros (en Carballo e Vimianzo os premios máis altos serán de 1.000 euros, por ter referencias), cun segundo posto que queda en 1.400 e un terceiro en 1.200.
Mirándoo por outro lado, non obstante, este podio de Fisterra serán 4.300 euros, aos que engadirlle os 570 do certame infantil e de adultos, polo que a contía global, aínda sumándolle as axudas de 350 euros a cada comparsa non premiada, queda lonxe da capital de Bergantiños. Cada un terá que facer valoracións e cadrar almanaques: en Fisterra, por certo, logo de experimentar o ano pasado co concurso en sábado de entroido, este ano volve ao seu día tradicional, o martes (4 de marzo, pois). Con permiso dos desfiles escolares do venres 28, o entroido na fin do mundo botará a andar o sábado 1, con música de A Tripulasión, desfile de comparsas e ata pregón de apertura, con Roberto Traba Velay: 19.00 horas.
En Cerceda
Ao igual que outros municipios como A Laracha ou Cabana, tamén Cerceda fará do martes 4 de marzo o seu día central de entroido. Divulgou o Concello que, entre 16.00 e 20.00 horas, haberá no pavillón inchables, flocos de millo, pintacaras, plataforma 360º para fotografías e chocolatada.