Firmemente

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

FISTERRA

ANA GARCIA

Falemos da felicidade. Outra vez. A felicidade deste país pequeno e grande, corazón atlántico e cantábrico, monte e pedra e verde arriba. Creo que un dos segredos da galaica felicidade, tan agochada, consiste en querérmonos. Creo que o amor propio é o mais locuaz dos amores. E creo, finalmente, que os grandes propósitos se inician no particular para desembocar, sempre, no universal e totalizador. Foi a grande lección dos mestres de Nós, daquel Adrián Solovio deluvando os ollos entre ser ou non ser nada. A felicidade consiste en saber amarse a si mesmo. Esa é a proclama que os políticos galegos deberan proclamar, palabra a palabra, cada día. A proclama da autoestima, da doce soberbia de ser o que somos: coa mirada alta, como os soños. E cos soños quero demorarme este xoves de outonía, chuvia amarela, dozura e lentitude. Digo a miúdo que somos o que soñamos. E soñamos o mar limpo, o solpor de laranxa como unha canción de amor na Fisterra, o futuro azul, o presente de rosas e mel e trigo. Os soños deste escritor da periferia, un ninguén, resúmense nun nesta hora: quero vivir no país da luz que algúns definen e defenden cada día, o país dos bos libros e a excelencia, o saber, o país que teña na cultura o seu grande e infinito patrimonio. Ese lugar onde a verdade non sexa pecado nin propiedade exclusiva de ninguén. País onde non teñamos que pedir perdón por pensar diferente. Onde liberdade non sexa unha palabra en letra gris no dicionario. Quero levar a Galicia como bandeira contra a estulticia que crece, imperial. A frivolidade. Contra ela. Galicia. Viva! Como escritor síntome a salvo, entre barricadas, do delicto da desesperanza. Creo no futuro. Firmemente.