Modesto Fraga: «Os poemas son coma fillos»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

Jose Manuel Casal

O autor presenta hoxe en Fisterra «Poesía amorosa escollida», una selección bilingüe de 45 poemas extraídos dos libros publicados en 25 anos de produción

18 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Modesto Fraga Moure (1974) presenta hoxe a súa nova obra: Poesía amorosa escollida. Será ás 18.00 horas no hotel Bela Fisterra, con acceso libre.

Modesto regresa á actividade literaria, ao mundo poético que tanto o caracteriza, con esta antoloxía que sintetiza 25 anos de produción. E, sobre todo, que serve de agasallo persoal aos seus 45 anos de idade, por iso neste volume están recollidos 45 poemas propios. Uns grandes números romanos na portada, XLV, dan a pista do que o lector se vai atopar dentro.

-E que hai neste volume?

-Unha antoloxía da miña produción poética amatoria, o mellor dela. Dende os libros iniciais, como Do amor salgado, ou Derrotas con raíces, ata os máis recentes.

-Son poemas cronolóxicos?

-Non, a orde non ten nada que ver con cando se publicaron.

-E como fixo para seleccionalos?

-Ese foi o primeiro gran dilema que tiven, porque, claro, tes que escoller. E os poemas son coma fillos: a cal escolles, como seleccionas? Porque, ademais, máis do 90 % do que escribín é poesía, hai moito no que mirar. Eu creo que son dos máis representativos da miña traxectoria. Podería poñer outros? Seguramente, pero para engadir, non para quitar ningún dos que puxen, estou moi contento de como quedou.

-Tamén responderán a diferentes momentos vitais.

-Claro, neles teño vivencias, experiencias... A compoñente emotiva é moi importante.

-Tamén é moi rechamante que sexa unha edición bilingüe.

-Si, é unha antoloxía bilingüe. Non foi sinxelo. A miña poesía está moi traballada, coas medidas, coas estrofas... Non se trata de traducir ao castelán sen máis. Precisamente o da métrica é un problema que tiven que solucionar, para manter a mesma, pero sen perder a esencia. Digo problema, pero en realidade foi unha tarefa que me entusiasmou. Aqueles versos que parecía que en galego non ían quedar ben en castelán, pois coa adaptación si que quedan. Nalgúns tiven que variar a orde sintáctica, pero seguen mantendo esa forza poética. Non foi cambiar por cambiar.

-Tamén foi detallista na edición?

-Moito, xa dende a portada, co bico de Rodin, que representa ese amor do que escribo. E tamén en cada páxina. O lector vai atopar á esquerda o poema en galego, e á dereita en castelán, e pode comparar. Ve dous poemas que en realidade é un, que mantén a coherencia e o discurso.

-Por que escribe sobre o amor? Tanto, quero dicir.

-É algo que leva comigo dende sempre, dende os inicios. Sempre foi algo que me encantou, atópome moi cómodo con esta temática. Creo ademais que moita xente xa asocia a miña poesía cos textos de amor.

-Sempre de amor?

-Non, non, tamén de desamor, e de feito creo que teño máis poemas de desamor que de amor, pero todo xira arredor do mesmo.

-Tras o acto de hoxe, en Fisterra, haberá máis?

-Si, na Coruña espero ter unha presentación xa no vindeiro mes de xaneiro, e logo irán vindo outras máis.

-Xa levaba tempo lonxe das publicacións, non?

-Non tanto, dous anos. O último foi o que levou o premio de Carral, Devalar sen pel, editado por Espiral Maior. E xusto un pouco antes (viñeron os dous moi xuntos) publicara Adagio por Outono, editado por Alvarellos, que levara un importante premio en Vilalba. Agora tócalle a este, que penso que é algo diferente. É un reto que tiña aí pendente dende hai tempo, e penso que o resultado foi moi bo.