Moito se fala e se padece o frío estes días. O feito de estar en xaneiro sempre axuda. Pero, ¿moito frío? Si, bastante. Botemos a vista atrás, pero tratando de eliminar toda perspectiva melancólica e afondando tan só na memoria, fría por suposto, como para recargar as pilas. Frío (tamén, sobre todo) era o que pasabamos cando iamos á escola ou ao instituto andando uns cantos quilómetros cada día. Saíndo ás 7.30 da mañá por pistas sen asfalto nin zahorra nin nada para coller o Finisterre, que por suposto non tiña calefacción e os asentos estaban recubertos dun plástico que amplificaban a friaxe máis que as neveiras modernas. Conste, iso ten o seu mérito: agora xa non se fan plásticos así! Falar era botar vapor pola boca en tal cantidade que me lembro do conto sempre que paso por diante de Unemsa nas mañás con brétema (coma onte) ou preto de Meirama (a semana pasada). Podiamos escribir o noso nome no noso propio bafo, e aínda así aguantaba uns segundos. Tamén cabía alí un corazón, porque naqueles momentos, nos que tamén había pouca luz e moita vida por diante, o noso corazón latexaba coa forza da adolescencia e de descubrir cada día un mundo. Máis ou menos, porque nunca fomos esaxerados.
Se cadra aquel frío era como este, da mesma familia, pero comunicábase mellor co noso corpo. Sería por coller os cachos de xeo das pozas das corredoiras e levalos á lingua: así, sen cor, nin azucre, nin nada, a ver a que sabía. Sería por querer espantalo na cama, que entraba por aquelas ventás case de papel e chegaba ao metálico para quedarse nel, tras atravesar o cobertor de estopa. Era un frío da casa, nada que ver co importado.