E agora que?


Opasado ano por estas datas os fisterráns andabamos inmersos nunha polémica de gran calado relacionada co noso patrimonio histórico e cultural que, lonxe de se resolver favorablemente, acabou como acaba case todo nestes lares: sen solución. Como consecuencia dos delirios de grandeza do director da restauración da igrexa de Santa María das Areas, que decidiu motu propio e sen criterio técnico que o avalase, pintar de azul augamariña os arcos de pedra dun monumento do século XII en vez de centrarse no importante que debería ser atallar os problemas ocasionados polas humidades, atopámonos agora cun novo revés que traerá cola. Non imos lembrar aquí o que os expertos en restauración do ICOMOS certificaron no seu informe a respecto das obras realizadas ás que acabamos de aludir; abonda citar algúns dos cualificativos empregados: «sobreactuación», «inútil», «innecesaria». E daqueles pos veñen estes lodos. Acabamos de saber que o retablo do Santo Cristo de Fisterra, obra barroca de 1.721, está nun estado deplorable e precisa dunha actuación urxente se queremos evitar a súa desaparición. A Asociación de Vecinos Finisterre contactou xa cunha empresa especializada en restauración para tentar buscar unha solución satisfactoria. A actuación rondaría os 28.000 euros, unha minucia se a comparamos cos máis de 300.000 que custou embarrar de cal un dos principais templos románicos de Galicia. A pintura da vergoña aí segue un ano despois competindo co Ecce Homo de Borja actualizado por Cecilia Giménez. Arcebispado, Xunta e Concello gardan silencio. Agardemos que as termitas, a humidade e a desidia non acaben arruinando este valioso patrimonio.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

E agora que?