Pedra, gas

DUMBRÍA

De vez en cando lémbrannos que vivimos en riba de pedras, e entre elas, sobre todo granito, e por tanto estamos expostos a sufrir as consecuencias do gas radon. Eu sempre envexaba as casas de grandes perpiaños de pedra que se sacaban en lugares moi rochosos, do Ézaro cara a abaixo, por exemplo, ou en determinados puntos de Ourense. Bloques perfectos e grandes coma mundos, nada que ver coa nosa cachotería, que os nosos avós sacaban de onde podían. Case sempre abrindo baleóns nos montes; aínda temos algún burato por tapar. E as grandes vigas había que ir buscalas, no noso caso, ao Pico de Meda. De vez en cando gústame ver os ocos que seguen alí, dos que os canteiros extraían laxas longas e ben cortadas. Había que ir co carro das vacas, un día enteiro dende a madrugada, para iso. Se eu saco o alento cando subo con zapatillas e chándal amodo, o que deberon sufrir os agora vellos ou xa desaparecidos por aquelas corredoiras. ¡E as vacas! Que traballos, que tempos, e que rápido se nos esquece todo. Cando regreso á casa pásolle a man a eses postes de pedra, miro cara ao pico (bico, así dixemos sempre) e sinto que hai algo que une ambos os lugares. En fin, parvadas.

Se cadra porque as pedras daban tantos traballos, e porque no inverno morriamos de frío, o ladrillo e o bloque fóronlle gañando o terreo. Ata desprezamos a do lar para gañar espazo. Que grandes erros xa sen remedio. Cando chegaron os móbiles, esas paredes tan fortes non deixaban pasar as ondas, e a cobertura era (é) escasa. Mira, menos radioactividade, se é que hai algunha. Pero logo dinche que o que sae é o gas e xa non sabes con que quedar.