Está situado en Estimán (Dumbría) e o último temporal tirou coa cruz e o capitel. O Concello recolleu a peza
10 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O cruceiro coñecido como das Herbas está, ou mellor dito estaba, no borde oeste da pista asfaltada que, da aldea de Estimán (parroquia de Dumbría) conduce á de Sábade (Berdeogas), preto do solar no que se construirá o novo cemiterio de Dumbría. O último temporal que asolou a comarca, o Klaus , ocorrido o mes pasado, ben fora polo vento ou unha descarga dun lostrego, partíulle a vara, desaparecendo o capitel e máis a cruz. Moi mala sorte ten este cruceiro. No ano 1935, na época da Segunda República, uns borrachos con poucos escrúpulos relixiosos rompérono, quedando os cachos moitos anos polo chan. Rematada a guerra civil, o alcalde, Jesús Corbal Sendón, mandouno reconstruír encargándolle o traballo ao xove canteiro do lugar de Hospital, coñecido como Manolo do Veiro, por 200 pesetas. As pedras viñeron do Monte do Brazal (a uns oito quilómetros de distancia), e foron extraídas do Petón Mosqueiro. Nesa época da Segunda República, varios cruceiros do municipio sufriron as consecuencias duns cantos inimigos dos símbolos relixiosos. Quizá pensasen que probablemente Deus non existía , parafraseanedo esa polémica campaña internacional recentemente difundida. Así na parroquia de Salgueiros desapareceron tres moi importantes. Un, o cruceiro de Ceáns, que estaba no borde sur do camiño que conducía ao Muíño de Prata, e que foi destruído a golpes de maza. As pedras aproveitáronse para pechar un monte. Outro, o cruceiro dos Petóns do Castro, moi preto da cascada do río Castro, tamén foi destruído. As pedras foron aproveitadas nalgunhas obras do lugar de Cernado (Salgueiros). Un terceiro, o cruceiro de Rebordelo, tamén coñecido como O cruceiro de Ramón, que segundo os lugareños foi construído por Ramón Calo Liñeiro no ano 1890, de gran valor artístico. Estaba situado no borde norte do Camiño Real que de Bustelo conducía a Mintiráns. Unha cuarta cruz, pero xa con pouco valor artístico, pero de grande valor sentimental, era a cruz de Pazo. Dunha soa peza, estaba situada no borde dos cruces de camiños sacramentais dos lugares de Pazo e Cernado. Despois duns cantos anos destas desfeitas, algunhas destas familias sufriron varias desgrazas persoais e materiais impactando fortemente nos veciños da parroquia polo que pensaron que probablemente Deus exista .