O Antruido do Burro de Valenza, este sábado en Coristanco 

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

Personaxes do Antruido tradicional de Valenza, en Coristanco
Personaxes do Antruido tradicional de Valenza, en Coristanco ANA GARCÍA

Unha festa de identidade e de recuperación do rural: así será a tarde do 14 de febreiro na localidade 

13 feb 2026 . Actualizado a las 00:20 h.

Sábado 14 de febreiro • Identidade local, veciñanza devolvendo ás rúas os personaxes e espírito do entroido, participación interxeracional, dinamización das aldeas e valorización do patrimonio inmaterial. Todo iso é o que hai detrás do Antruido Tradicional do Burro de Valenza, en Coristanco, programado para este sábado 14 de febreiro e organizado pola asociación Lourido co apoio do Concello. Haberá carpa, cantina e escenario aberto para a música tradicional nesta cita que terá o Feirado e Romance do Burro como eixo central. O desfile partirá ás 17.00 dende a Praza de Castrobó. Haberá asemade mostra de elaboración de filloas na pedra, con chocolate, orellas e roscas preparadas polos maiores da parroquia: velaí os saberes tradicionais e o ambiente comunitario. Os socios de Lourido interpretarán ademais a Muiñeira Adobecida, unha muiñeira corrida recuperada recentemente pola entidade como parte do seu traballo de investigación e transmisión do patrimonio inmaterial de Bergantiños.