La Voz de Galicia entregou este sábado na biblioteca de Coristanco os premios do certame literario Contos de Nadal 2025
22 dic 2025 . Actualizado a las 00:36 h.A nova biblioteca de Coristanco, a piques de cumprir un ano de soños, encontro e comunidade, foi o espazo dende o que este sábado 20 de decembro se espallou «emoción» ao resto do territorio. Así llelo dixo o anfitrión, Juan García, alcalde, aos nenos e nenas premiados no 22.º certame Contos de Nadal de La Voz de Galicia e Radio Voz, un concurso patrocinado por EDP Renewables. Manifestouse «tremendamente feliz» de que un municipio pequeno fose escollido para a entrega destes galardóns e gabou a quen, con valentía, non só deu o paso de imaxinar e escribir, senón de compartilo, algo que cualificou de «xenerosidade»: «Todos nós levamos un conto dentro».
Coristanco marcou onte un fito para a cultura, e o seu rexedor non se esqueceu nese transo dos nomes que, de xeito «silencioso», traballan para facer brillar o local, e para darlle ferramentas a quen soña: «Xente da terra, un departamento de Cultura que fai con pouquiño que Coristanco vaia ocupando o seu espazo. Agradezo o traballo de Mónica, Carme María...».
Escribir, ter alento para facelo, que é o que pretende La Voz de Carballo con este concurso para terceiro e cuarto de primaria, non é calquera cousa. Así o explicou Gema Fernández, directora do colexio Manuela Rial Mouzo (Cee), centro onde estuda Vera Martínez Figueroa, gañadora este ano co seu texto Un Nadal para lembrar. «Escribir e crear non é só unha actividade escolar, é unha forma de que o noso alumnado se coñeza, se exprese e se atreva. Cando se lles dá voz dende pequenos tamén se lles está dando confianza. Isto non sería posible sen o labor do profesorado». Por iso Fernández felicitou aos docentes, aos centros e ás familias: «Lectura e escritura deben seguir sendo unha prioridade en todas as idades, fomentalas, coidalas, valoralas, apostar por un pensamento crítico. Que este premio que recibides sexa estímulo para seguir soñando».
Un día histórico
Vera, pero tamén Alma Bugallo, Olivia Álvarez, Nara Jiménez, Suhaila Saucedo, Sabela Lucero, Sofía Martínez, Eduardo Varela, Lola Iglesias e Biel Lestón, autores dos dez dos 176 textos que obtiveron maior puntuación, deixaron onte claro que a literatura está moi viva nas novas xeracións.
A temática dos seus relatos sacoulle a bágoa a máis de un, e con intensidade tamén foron acollidas as palabras de Valentín García, secretario xeral da Lingua. Ao lado dun antigo pupitre da escoliña de Ferreira que a el o levou a viaxar á súa infancia, incidiu na importancia da escrita e de coidar o discurso nun tempo tomado pola imaxe e pola dotación tecnolóxica máis avanzada. «Tivestes a inmensa fortuna de nacer e vivir aquí, en Galicia», afirmou. Falou Valentín dun día histórico, e non só pola conmemoración este 20 de decembro dos 118 anos da primeira interpretación do Himno Galego na Habana, senón porque os alumnos e alumnas do Manuela Rial, do Labarta Pose de Baio, do CEIP de Caión e do Alcalde Xosé Pichel de Coristanco onte galardoados, pasan a engrosar un podio de orgullo: «Sodes xa galegas e galegos destacados. Aproveitade estas oportunidades, aproveitádeas sabendo de onde vimos, que temos unha lingua e unha cultura propias. Non o esquezades nunca, levádeo con orgullo, alá onde esteades, dediquédesvos ao que vos dediquedes».
E orgullo sentiron tamén os presentes dos contos ben contados. Niso, ademais dos nenos, houbo en Coristanco dous mestres: Patricia Cameán, de K’Paparota, con Unha árbore de zapatillas e Un calcetín infinito, e Xosé Luís Vilela Conde, director da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. Desta volta non só trouxo un, senón dous, e apegados ao territorio. O primeiro, da vila asolagada de Alcaián, un convite a estragar menos e a compartir «o que temos», e o segundo, unha chamada a valorar a terra como fonte de alegría e fartura. Con iso, caeu na conta de por que se di «pa-ta-ca» para as fotos.
Os dez textos gañadores
- Primeiro premio. «Un Nadal para lembrar», de Vera Martínez Figueroa, alumna de 4.º de primaria do colexio Manuela Rial (Cee).
- Segundo premio. «O Nadal máxico de Alma e Manfred», de Alma Bugallo Sánchez, alumna de 4.º de primaria do Manuela Rial (Cee).
- Terceiro premio. «O desexo de Uxía», de Olivia Álvarez Domínguez, alumna de 4.º de primaria do colexio Labarta Pose de Baio.
- Cuarto premio. «Un agasallo especial», de Nara Jiménez Pedreira, alumna de 3.º de primaria do colexio de Caión (A Laracha).
- Quinto premio. «A pequena Noiteboa do cuarto 312», de Suhaila Saucedo Abanto, alumna de 4.º de primaria do colexio Alcalde Xosé Pichel de Coristanco.
- Sexto premio. «A praia, un lugar máxico para Yeya», de Sabela Lucero Senín, alumna de 4.º de primaria do CEIP de Caión (A Laracha).
- Sétimo premio. «O Nadal sen teléfono», de Sofía Martínez Rey, estudiante de 3.º de primaria do CEIP de Caión.
- Oitavo premio. «O mellor agasallo de Nadal» de Eduardo Varela Collazo, alumno de 4.º de primaria do Xosé Pichel (Coristanco).
- Noveno premio. «As cantigas da avoa Maruxa», de Lola Iglesias Miguéns, alumna de 4.º de primaria do colexio Manuela Rial (Cee).
- Décimo premio. «A historia que Mon gardou», de Biel Lestón Canosa, estudiante de 4.º de primaria tamén do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee.