«É o momento de introducir cambios»

La Voz

CORISTANCO

17 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Juan Carlos García Pose é produtor de Coristanco e técnico de Xóvenes Agricultores. A súa análise desta edición da Festa da Pataca resúmese en que «é o momento de introducir cambios organizativos». Na súa opinión, esta iniciativa de exaltación do tubérculo require de cambios e melloras. «A festa do Albariño que se celebra hoxe en día non ten nada que ver coa que se facía hai 20 anos, gañou co tempo grazas ao valor engadido de saber presentar o produto», argumenta.

Para el, o cambio na festa implica unha mellora do márketing. «Temos boa materia prima pero non somos capaces de ampliar os canais de venda. Na miña humilde opinión a Festa da Pataca ten que orientarse ao sector hostaleiro e gastronómico. Habería que organizar unhas xornadas técnicas de exaltación con restaurantes da zona porque son os que poden promocionar a pataca. Xa non vale con vender a pataca a granel hai que presentala en condicións, darlle o valor que ten e promocionala como se merece», explicou.

Para Juan Carlos García, o tubérculo é unha alternativa de futuro para as granxas que basean case toda a actividade no leite: «Creo na diversificación como fan nos países punteiros de Europa, temos un produto de calidade e temos que saber vendelo máis alá de Ponferrada. Pero falta implicar a outros sectores da bisbarra. Pero a Festa da Pataca entendida como a entendemos hoxe non ten sentido, faise necesario cambios significativos», apuntou este produtor de tubérculo coristanqués.