Carta á veciñanza de Corcubión

Francisco Santiago López

CORCUBIÓN

Centro histórico de Corcubión
Centro histórico de Corcubión Basilio Bello

24 feb 2026 . Actualizado a las 19:00 h.

Estimados veciños e veciñas,

Escríbovos estas liñas de xeito directo, de ti a ti, porque son consciente de que nas últimas semanas houbo moito faladoiro e moito ruxerruxe coas sancións relacionadas coa regulación do tráfico na Praza Castelao. Antes de nada, quero dicilo cunha claridade absoluta: entendo perfectamente ese malestar que tendes. A ninguén lle gusta recibir unha multa, é un barrenolo ao peto que doe, e sei que cando nos tocan a rutina de todos os días, un síntese incómodo.

Pero como Concelleiro de Urbanismo, Medio Ambiente e Sustentabilidade, a miña obriga é explicarvos con sentido e serenidade por que se tomaron estas decisións e cal é o seu verdadeiro obxectivo. Non se trata de ganas de amolar nin de afán por recadar máis. O sistema que montamos pensa na xente da casa: nas persoas empadroadas, en quen paga aquí o imposto de vehículos ou o IBI, propietarios, repartidores e traballadores habituais. Isto non é un mecanismo contra ninguén.

Se houbo algún erro administrativo —porque pode ocorrer que algunha matrícula non estivese rexistrada—, estanse a revisar e a corrixir caso por caso. Hai marxe de mellora, e estase aplicando. Pero o fondo da cuestión non son as multas; é que Corcubión sexa un lugar seguro e con igualdade nas normas.

Durante moito tempo pareceu que por aparcar mal «non pasaba nada», pero iso non era xusto para quen si respectaba as liñas amarelas ou non ocupaba unha praza reservada.

Non é xusto para quen respecta as liñas amarelas.

Non é xusto para quen non ocupa unha praza reservada.

Non é xusto para quen pensa nos demais.

E tampouco era seguro.

No noso concello vivimos situacións que non podiamos ignorar:

  • Dificultades reais para que un camión de bombeiros accedese nunha emerxencia.
  • Problemas para que o bus escolar xirase con seguridade, o que provocou sustos de atropelo.
  • Colectores que tiveron que cambiarse porque o camión do lixo non podía pasar.
  • Espazos para persoas con mobilidade reducida ocupados indebidamente.
  • Veciños/as coas portas e garaxes das súas casas atrancadas polos coches.
  • Terrazas invadidas por vehículos de todo tipo que anulaban o dereito a desfrutar con degoiro da nosa fermosa praza un espazo declarado como Ben de Interés Cultural da que podemos sentirnos orgullosos e orgullosas sen complexos.

Non son opinións. Son feitos.

Ademais, o non dispor de policía local, o Concello ten a obriga de buscar alternativas que garantan que as normas se cumpren por responsabilidade.

Non por afán sancionador, senón por responsabilidade.

Sei que aos que vivides ao redor da praza vos custa máis, especialmente onde se eliminaron prazas de aparcamento. Non son alleo a iso e desexo de corazón continuar traballando en solucións alternativas de estacionamento. Actuar non significa non rectificar; significa asumir responsabilidades e introducir os axustes necesarios.

A humanización da praza permitiu ampliar espazos para as persoas e para a convivencia. Nestes últimos anos, concertos, o Nadal ou as rutas gastronómicas demostraron que unha praza máis ordenada non resta vida; ao contrario, poténciaa.

Quero destacar especialmente eses divertidos «tardeos» dos que disfrutamos tanto a veciñanza de Corcubión como a xente de fóra que veu visitar Corcubión. Foron momentos que «reventaron» a praza cun ambiente distinto e innovador, demostrando que podemos ter unha vila chea de xente e ledicia sen o típico "chunda, chunda" ata o mencer. Esa é a nosa aposta: un lecer con xeito onde todos teñamos sitio. A humanización non afasta á xente; a desorde si pode facelo.

A humanización non afasta á xente. A desorde si pode facelo.

Agora abrimos unha nova etapa. Nos próximos meses levarase a pleno a nova ordenanza viaria e avaliarase con datos a continuidade ou non das medidas actuais durante o verán. Ese será o momento para introducir melloras e escoitar propostas. Porque gobernar é decidir, pero tamén é escoitar.

Aquí non hai dous bandos. Hai un pobo que quere seguridade, normas iguais para todos e espazos pensados para convivir.

Sabemos que as decisións poden xerar debate. É lexítimo. Pero tamén cremos que o debate debe basearse en feitos, non en alarmas nin en confrontación innecesaria.

O noso compromiso segue sendo o mesmo que presentamos nas eleccións:

Corcubión merece máis.

Máis seguridade.

Máis igualdade nas normas.

Máis respecto polos espazos comúns.

Máis convivencia.

O que non merece Corcubión é ruído, división nin desinformación.

Seguiremos traballando con firmeza e con diálogo.

Porque ordenar non é castigar.

Ordenar é coidar.

É coidar da nosa vila con coherencia e responsabilidade.

Cun saúdo cordial e moita saúde para todos/as,

(*) Francisco Santiago López é concelleiro de Urbanismo, Medio Ambiente e Sustentabilidade de Corcubión