Alberte Sánchez: «Non busco a espectacularidade en 'Silencios', senón a pausa»
CERCEDA
Cerceda acollerá mañá pola tarde a primeira presentación do fotolibro que vén de publicar Alberte: 20.30 horas, no auditorio municipal
20 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Mañá • Vivimos no mundo da imaxe, das imaxes de consumo rápido, pero no medio de todo ese balbordo xorden proxectos como Silencios, fotolibro da autoría do fotógrafo e deseñador gráfico cercedense Alberte Sánchez Regueiro. A primeira presentación, como non, tiña que ser na casa, e xa ten data e hora: mañá, venres 21, ás 20.30 horas, no auditorio municipal. Falou Alberte —tamén edil na corporación— en Radio Voz, avanzando que, «como bo galego», ao final do encontro haberá un viño e petiscos, momento igual de válido para «pausar e seguir reflexionando sobre nós mesmos»:
—Unha experiencia visual pausada e reflexiva. Iso procurou nesta obra, «Silencios».
—Efectivamente. Reúne 198 fotografías seleccionadas do arquivo que teño, integrado por máis de 80.000 imaxes dos últimos vinte anos. Quería tratar de amosar este traballo que fago e así xurdiu este libro no que non busco a espectacularidade senón, xustamente, pausa. Convida a baixar o ritmo e a mirar con máis atención cousas que ás veces pasan desapercibidas.
—Que criterio seguiu para facer esa difícil selección?
—Tiña hai anos o proxecto na cabeza, pero non moi claro que tipo de fotografías amosar, e ao final cando me decantei pola pausa foi cando comecei coa escolla. Levoume isto un par de anos, tamén o montar o fotolibro para que unhas imaxes combinen coas outras e todo teña unha cohesión e unha narrativa continua.
—Falamos en moitos casos de imaxes nunca vistas.
—A maior parte son inéditas. Hai xente que coñece o meu traballo, pero imaxes máis íntimas e persoais non, e quizais foi iso mesmo o que me levou ao libro. Dábame mágoa que ese traballo quedase nun caixón, non poder compartilo para que a xente o critique para ben ou mal [ri].
—Cerceda e a comarca de Ordes están presentes. Que veremos por exemplo de Cerceda?
—Case todas as imaxes son detalles, mais hai cando menos un par delas que me gustan moito e están feitas dende unha das fiestras da miña casa cara o horizonte. Hai persoas, hai paisaxes... e todas compartindo iso de ser fotos para tratar de calmar a nosa ansiedade no día a día.
—A posta de longo tiña que ser en Cerceda, tíñao claro.
—Quizais haxa presentacións en Santiago e A Coruña despois, aínda que polo momento centreime nesta do venres, a do meu concello, un xeito de devolverlle algo ao territorio que me viu medrar e que me deu tantas experiencias.
—É máis ca un álbum, hai un fío posto na mirada. Que pouso lle gustaría deixar trala visión?
—Gustaríame que logo de ollar o libro a xente se parase un pouco máis a mirar a contorna. Pequenas cousas ás que, se lles damos calma, se ven realmente bonitas. É un convite a reflexionar, á pausa, a quitarlle algo de ruído á nosa vida. Ultimamente sóbranos ruído por todos os lados.
—Mañá haberá cantareiras, unha pequena mostra, lectura e estará o escritor Ramón Vilar facendo de condutor. Compaña non lle faltará.
—Pois non! Está claro que ao final un proxecto artístico ou persoal como pode ser este fotolibro non é só dunha única persoa. Busquei unha presentación distinta, con amizades que lerán ese texto que inicia o libro, música, o propio Moncho... Quixen facer acompañar a fotografía doutras expresións.
—Con 80.000 imaxes no seu arquivo, sopesa seguir avanzando en proxectos editoriais?
—Esperemos que si. Material hai, aínda que algo así leva moito tempo. Teño claro que cando fixen a escolla para esta obra deixei fóra moitas imaxes, e moitas mesmo mellores que algunhas das que compoñen Silencios, pero que non se adecuaba á narrativa. Xa teño ideas para futuros proxectos e para continuar esta liña de traballo. Silencios é a primeira pedra dun camiño que si quero continuar explorando.