
A segunda edición de DesOrdes Xeodestino Mural deixou novas creacións, tamén en Trazo
17 ene 2025 . Actualizado a las 19:12 h.O centro social de Queixas, en Cerceda; o centro social de Chaián, en Trazo; e o centro do maior de Tarroeira, en Tordoia, locen xa novas creacións murais. A Mancomunidade de Ordes vén de acoller a segunda edición de DesOrdes Xeodestino Mural, iniciativa deste ente supramunicipal conxuntamente coa Deputación da Coruña e o estudo Mutante Creativo. Continúa así estendéndose o patrimonio artístico destes municipios, reforzando posicións como destino muralístico en Galicia. As obras, segundo o trasladado, foron creadas ao longo do último cuadrimestre do pasado 2024: encargáronse diso os artistas Twee Muizen (Trazo), Mutante Creativo (Tordoia) e Alejandro Mosquera (Queixas, Cerceda).

Os tres traballos teñen en común o feito de resaltar os valores da tradición e comunidades locais, así como o patrimonio material e inmaterial das distintas zonas, «empregando a arte urbana como vía para non esquecer o saber popular e o legado da veciñanza da comarca», comunicaron.

No que respecta ao mural de Cerceda, Alejandro Mosquera titulouno O baile. No centro social de Queixas, a creación fixa atención nesta forma de expresión artística como símbolo de xuntanza e de comunicado. Home orquestra é o título do traballo feito en Trazo, e Memoria, o do situado en Tordoia.