Vai co cargo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

VAI CO CARGO

-Quen foi a primeira persoa en felicitalo trala sesión de investidura?

-Os concelleiros do meu partido e algúns dos da oposición.

-Quen foi o primeiro que o chamou.

-Non o sei porque apaguei o teléfono móbil cando entrei no salón de plenos e cando o acendín ao saír tiña moitas chamadas perdidas e moitos wasaps felicitándome pola reelección.

-Empregará coche propio ou do Concello para os seus desprazamentos?

-Como sempre ata o de agora, o meu, un Mercedes Benz.

-Como leva o do vestir? Pensa renovar vestiario?

-Sempre vou igual, non cambiei, e aos meus anos xa pouco vou cambiar. Pero unha chaqueta de cor oscura e unha camisa de cor branca forman parte da miña forma de vestir [ri].

-Quen escolle a roupa cando vai mercar?

-A miña muller máis ca min, pero o da camisa branca ten que ir [ri de novo].

-Terá tempo para facer exercicio?

-Por desgraza, non o facía antes e non o fago agora. Pero a partir de agora vou intentar camiñar algo, porque a verdade, é unha materia que teño pendente.

-Irá de vacacións este verán?

-Estarei basicamente por aquí, por Cerceda. Podo coller uns tres ou catro días en agosto, pero tampouco moitos máis.

-Que lle falta ao seu despacho?

-Nada. Tal vez algo máis de illamento para combater o frío en inverno e a calor en verán, pero pouco máis.

-Que tiraría do que hai?

-Sobran papeis a verdade. Teño o despacho cheo de papeis.

-Con quen manterá a primeira entrevista de traballo?

-Recibo a veciños todos os días. E a nivel institucional espero pechar unha entrevista de traballo coa conselleira de Infraestruturas [Ethel Vázquez Mourelle] para pechar a mellora viaria no lugar de A Bailía. Unha estrada que atravesa o vertedoiro da Areosa. Trátase dunha actuación importante porque é a unión de dúas estradas: a que enlaza Ordes con Cerceda, e a que vai de Carballo a Ordes. Son catro quilómetros e ten un orzamento de 1.115.000 euros e estou moi interesado e resolver este tema.