Diáspora

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CERCEDA

19 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Este sábado houbo festa en Liechtenstein e en Reconvilier, municipio do cantón de Berna que está de cabalo entre Delémont e Biel/Bienne. En ambos casos, nos centros españois, pero xa sabemos que en boa medida son os centros da Costa da Morte e arredores. Son as festas anuais, como as que houbo en Lyss hai uns días, e como as do Friburgo suízo (non alemán) de vez en cando grazas ao traballo dun zasense que xa o fixo moitos anos en Berna.

¿A que todo isto sona repetitivo? Claro, porque se fai todos os outonos, e a forza de pasar anos xa nos parece sempre o mesmo. E non o é.

A min aínda me marabilla que paisanos nosos manteñan esas tradicións deixando moito esforzo e tempo detrás, que unhas veces agradécese, e outras non. Todo para manter os lazos de amizade, veciñanza ou conexión con Galicia. Unha herdanza doutros tempos, cando tiña máis sentido pola lonxanía real e virtual, e se cadra menos hoxe con voos constantes dende Xenebra, Basilea ou Zúrich que case parecen o Finisterre, menos cando as compañías soben de golpe os prezos dos billetes aproveitando as vacacións.

Fronte a todo iso, aí temos aos que traballan, negocian e mercan o produto en Galicia, fan os carteis, móvense polas redes, insisten en que a xente se anote a tempo, e todo para pasar unhas horas, botar uns bailes con orquestras ou disco móbiles que tamén ven no verán pola comarca, para falar do pasado e do futuro. Dos que chegaron e dos que van marchando. De onde hai máis festas e onde non (Cerceda e Tordoia non fan desta vez). Por uns minutos de felicidade.